Obituario

Falece Luís Suárez, o único Balón de Ouro galego

O ex futbolista finou este domingo en Milán aos 88 anos.
Luís Suárez, á dereita, xunto a Amancio Amaro, falecido o pasado ano e tamén con pasado no Dépor. (Foto: RC Deportivo)
photo_camera Luís Suárez, á dereita, xunto a Amancio Amaro, falecido o pasado ano e tamén con pasado no Dépor, nun Trofeo Teresa Herrera. (Foto: RC Deportivo)

Luís Suárez Miramontes, lenda do fútbol mundial e en particular na Galiza, ao ser o único galego en facerse co Balón de Ouro, faleceu este domingo aos 88 anos de idade en Milán (Italia), segundo anunciou o que fora o seu equipo durante nove campañas, na década de 1960, o Inter. O seu pasamento súmase ao doutro mito do deportivismo, Amancio Amaro, finado o pasado mes de febreiro.

"Un talento único e un gran xogador do Inter. O número 10 do Grande Inter que levou as nosas cores ao cumio de Italia, Europa e o mundo", salientou o clube italiano, que lembrou unha frase que podía escoitarse nos terreos de xogo na súa época: "Se non sabes que facer, dálle o balón a Suárez".

Nado na Coruña e alcumado O Arquitecto no mundo do fútbol, Luís Suárez deu as primeiras patadas á bóla no modesto Perseverancia e o seu primeiro equipo profesional foi o Real Club Deportivo, co que debutou en 1953, aos 18 anos. Un ano despois foi traspasado ao FC Barcelona, onde disputou seis tempadas e co que foi distinguido co Balón de Ouro, en 1960, sendo até o momento o único galego en logralo. En 1961 e 1964 quedou en segunda posición neste certame, obtendo o Balón de Prata, e na campaña seguinte recolleu tamén un Bronce.

En 1961 cambiou Catalunya por Italia e estabeleceuse en Milán, onde defendeu durante nove cursos consecutivos as cores branca e negra do Internazionale. Rematou a súa carreira deportiva en 1973, na Sampdoria, dúas décadas despois de estrearse na elite e após facerse con dúas ligas, dúas copas españolas e outras tantas Copas de Feiras -competición europea- co Barça, tres ligas italianas co Inter e dúas Copas de Europa cos azzurri, alén dunha Eurocopa coa selección do Estado español.

Decidiu, porén, seguir no fútbol profesional, mais entón desde detrás da barreira, como técnico. Ao longo doutros 20 anos nos estadios de fútbol adestrou nove equipos, a meirande parte italianos e, entre eles, o Inter, en até tres momentos diferentes -1975, 1992 e 1995-. Na campaña 1978-79 volveu pisar o céspede de Riazor para dirixir o Dépor.

En 2001 foi distinguido coa Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo que concede o Consello Superior de Deportes, entidade adscrita ao Goberno español, para pór o ramo a unha máis que exitosa carreira no deporte rei.

Durante a mañá deste domingo numerosas personalidades, clubes e outras entidades deron o pésame á familia do futbolista e lembraron unha figura imprescindíbel para entender o fútbol galego. "Hoxe é un día moi triste para o mundo do fútbol. Marchounos un dos grandes. Descanse en paz", dixeron desde a peña Luisito Suárez, que lle rende homenaxe e da que era o presidente de honra.

Comentarios