O Espanyol, novo rival do Celta na Copa

Mala sorte para os celestes, protagonistas do único duelo entre primeiras.
A eliminatoria galego-catalá terá lugar, a falta de confirmación oficial, o 3 de xaneiro no RCDE Stadium de Cornellá. (Foto: RFEF)
photo_camera A eliminatoria galego-catalá terá lugar, a falta de confirmación oficial, o 3 de xaneiro no RCDE Stadium de Cornellá. (Foto: RFEF)

O sorteo da rolda de dezaseisavos de final da Copa levado a cabo esta sexta feira na sede da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) nas Rozas, Madrid, dificilmente podería ser peor para o Celta, pois só un dos 16 partidos que integran a eliminatoria ía ser entre dous equipos de Primeira División e, precisamente, o conxunto vigués será un dos seus protagonistas, enfrontándose co Espanyol de Barcelona.

Para máis INRI, o Celta actuará como visitante nunha fase que se dilucidará a partido único, polo que terá que viaxar até Cornellá para xogar no RCDE Stadium nunha data aínda por determinar entre o 3 e o 5 de xaneiro de 2023. Non obstante, e tendo en conta que na tarde do Día de Reis, 6 do mesmo mes, ten programado un encontro ligueiro ante o Elxe en Alacante, o máis probábel é que a RFEF sitúe o duelo galego-catalán na terza feira, 3 de xaneiro.

Sobre o papel, o favoritismo recae sobre os ombreiros da escuadra catalá polo factor historia —suma catro títulos no torneo do KO por ningún do Celta— e, sobre todo, por xogar ante a súa afección. Porque no eido estritamente deportivo a igualdade é case absoluta entre ambos, pois na Liga suman a mesma puntuación (12), situándose os pericos na décimo sexta praza e os olívicos na décimo sétima.

A estatística, lamentabelmente, tampouco favorece o Real Club Celta, pois caeu derrotado as catro veces que tivo que xogar a Copa na casa do Espanyol. O antecedente máis antigo data dos cuartos de final da edición de 1957, cando un Celta que tiña baixo paus o recentemente falecido Padrón perde por 2-1 no partido da volta, quedando así fora das semifinais.

Despois de máis de 40 anos celestes e branquiazuis volveron medir forzas, esta vez nos oitavos de final de Copa 1999/2000. Curiosamente, o resultado foi o mesmo, caendo a formación galega por 2-1 e deixando o fútbol do país sen un derbi Celta-Compos nos cuartos.

Os últimos precedentes son algo máis recentes, pero igualmente desafortunados, pois na rolda de dezaseisavos, a mesma na que se enfrontarán en 2023, o Espanyol apeou o Celta con contundencia en 2009 (3-0) e 2012 (4-2).

Comentarios