O Celta supera o Gernika e escala un novo chanzo na Copa

A escuadra galega acompañará o Pontevedra no bombo do sorteo da terceira rolda do torneo do KO.
Carles Pérez, que foi o máis activo durante os primeiros 45 minutos, no momento do disparo que derivou no primeiro gol do Celta. (Foto: RC Celta).
photo_camera Carles Pérez, que foi o máis activo durante os primeiros 45 minutos, no momento do disparo que derivou no primeiro gol do Celta. (Foto: RC Celta).

A falta de coñecer o resultado do Arenteiro-Atlético de Madrid, que finalizou fóra do horario de fechamento desta edición, o fútbol galego terá polo menos dous representantes no sorteo da terceira rolda copeira logo da vitoria do Celta na casa do Gernika (3-0).

O limitado das dimensións do cadro de xogadores celeste fixo que Carlos Carvalhal, ao contrario do que adoitan facer os seus homólogos nos bancos de equipos de Primeira División, formara con moitos teóricos titulares.

Así, o Celta partiu de inicio co medalla de prata olímpica Iván Villar na portería; unha defensa de catro con Mingueza no carril dereito, Aidoo e Unai Núñez no centro da zaga e o incombustíbel Javi Galán no carril esquerdo; un centro do campo artellado arredor de Fran Beltrán con Carles Pérez e Franco Cervi nas bandas, Gabri Veiga de mediocentro, e unha dupla ofensiva de moitos centímetros con Gonçalo Paciência (1,85) e Strand Larsen (1'93).

Pola súa parte, o técnico do Gernika, o eterno dono do lateral esquerdo do Athletic de Bilbao nos anos 90, Aitor Larrazabal,  optou por Altamira, Arberas, Berasaluce, Gallastegi, Gorka Marcos, Ibai Sanz, Toni Salado, Yeray Carpio, Carlos González, Agirrezabala e Jon Vega.

As catro categorías de diferenza entre un e outro contendente evidenciáronse desde o comezo, e o conxunto local apenas inquietou a meta defendida por Iván Villar nos primeiros 45 minutos, mentres que a escuadra olívica protagonizou unha ocasión tras outra até no 30, cando derrubou a muralla gernikar da man do que estaba sendo o seu home máis activo, Carles Pérez.

O catalán materializou un contraataque da vella escola após recibir dun Strand Larsen moi hábil xogando de costas á portería, habilitando o estremo para perforar coa zurda a portería defendida por Altamira.

Despois do descanso, Aidoo marcou de cabeza o segundo á saída dun córner pouco despois de que a formación local tivera a súa mellor oportunidade até o momento. Inmediatamente, Carvalhal introduciu De La Torre e Aspas en lugar de Cervi e Paciência.

Os cambios foron todo un acerto, pois o estadounidense foi o autor do terceiro e definitivo tanto do Celta ao aproveitar un rexeitamento dun centro pola esquerda de Javi Galán. 

Máis en DEPORTES
Comentarios