A Supercopa de Fútbol Sala, obxectivo común de Burela e Poio

Os dous equipos galegos poderían enfrontarse na final.
As xogadoras laranxas aspiran a celebrar unha nova Supercopa. (Foto: CD Burela)
photo_camera As xogadoras laranxas aspiran a celebrar unha nova Supercopa. (Foto: CD Burela)

A Supercopa de España de fútbol sala alcanza esta fin de semana a súa vixésimo primeira edición, e decidirá quen é o primeiro campión da tempada 2023/24, distinción á que optan dous equipos galegos: Pescados Rubén Burela e Poio Pescamar.

O conxunto de Mariña é o defensor dun título que levantou nas súas catro últimas participacións; non obstante, o récord histórico de triunfos (7) recae no seu rival nas semifinais, o Futsi Atlético Navalcarnero.

No outro lado do cadro tanto STV Roldán como a formación conserveira buscarán a súa segunda final, pois as murcianas xa optaron a levantar o trofeo na 2018/19, mentres que as poienses fixeron o propio na 2020/21, caendo en ambos os casos fronte o Pescados Rubén

Todos os partidos desta Supercopa de Fútbol Sala 2024 terán lugar no Pazo de San Miguel, un recinto con capacidade para 1.500 espectadores e espectadoras situado dentro da Vila Deportiva de Torremolinos (Andalucía), á que saltarán en primeiro lugar Roldán e Poio, ás 18.30 horas do sábado e baixo a atenta mirada das cámaras da canle pública Teledeporte, que tamén retransmitirá a gran final. Pouco despois da conclusión deste choque inaugural, ás 21, está programada a segunda semifinal, na que colidirán Burela e Futsi Navalcarnero. 

De conseguir superar cadansúas eliminatorias, ambas as escuadras do país xogarían a finalísima ás 21 horas do domingo. Porén, cales son as posibilidades reais de reeditar o escenario da 2020/21?

No caso do Burela-Futsi, as guerreiras laranxas son favoritas. Pese ao nivel que as madrileñas acreditan ano tras ano, nos que se erixiron como as grandes rivais das galegas, esta campaña as súas prestacións semellan un chanzo por debaixo do habitual. 

E, con respecto ao Roldán-Poio, nin un nin outro equipo está asinando a tempada que soñaron durante o verán nesta2023/24, polo que as incertezas son absolutas e as posibilidades, infinitas. 

Neste sentido, o adestrador do Pescamar, Luís López-Tulla, defendeu as súas opcións de chegar ao encontro decisivo, pois, dixo, están "no mellor momento da campaña" para gañar o seu primeiro título estatal. "Estamos ilusionadas, este é un torneo curto, único, e por tanto as opcións para nós son maiores", concluíu.  

Comentarios