O Burela agranda a súa lenda en Málaga coa Supercopa

Engade a sexta Supercopa ao seu palmarés e axexa o récord do Futsi Atlético Navalcarnero.
A alegría foi total entre as guerreiras laranxas ao levantar o primeiro título sen a meta brasileira Jozi de Oliveira nas súas filas. (Foto: RFEF).
photo_camera A alegría foi total entre as guerreiras laranxas ao levantar o primeiro título sen a meta brasileira Jozi de Oliveira nas súas filas. (Foto: RFEF).

Quen subscribe estas liñas recentemente tivo a sorte de poder departir cunha medallista olímpica galega, e un dos temas principais que articularon a conversa foi a xestión da vitoria e a derrota, salientando a deportista que no deporte "é moito máis normal perder que gañar". Salvo, por suposto, que xogues no Pescados Rubén Burela.

Porque a escuadra da Mariña, desafiando toda lóxica competitiva, continúa engrandecendo unha lenda que xa a levou a ser, sen discusión algunha, a máis galardoada do país durante a última década, como acreditan os seus cinco títulos ligueiros (2013, 2016, 2020, 2021 e 2023), seis de Copa da Raíña (2013, 2019, 2020, 2021, 2022, 2023) e outros tantos da Supercopa de España: 2015, 2020, 2021, 2022, 2023 e 2024, este último obtido o pasado domingo logo de eliminar nas semifinais o conxunto con máis triunfos na historia do torneo (7), Futsi Atlético Navalcarnero.

Non obstante, as madrileñas venderon moi cara a súa pel, como acredita o esforzo que tiveron que facer as guerreiras laranxas, primeiro para remontar o 1-3 favorábel que chegou a ter o Futsi até o 3-3 que sinalaba o electrónico ao final do tempo regulamentario, e logo para saír vitoriosas dunha eterna quenda de penaltis que esixiu o lanzamento de 11 penas máximas (6-5).

Co título a un só chanzo, na final agardaba outro equipo galego, o Poio Pescamar, que após eliminar o STV Roldán tamén na lotería dos penaltis soñaba con resarcirse do acontecido na final de 2020, cando o Burela venceu por 2-0 nunha edición que tivo lugar no pavillón de Vista Alegre, na Mariña. Porén, o feito de desenvolverse en campo neutral, na localidade malagueña de Torremolinos, non logrou evitar o mesmo desenlace.

A pesar de que a igualdade e as alternativas para un e outro equipo foron o que marcou o devir do primeiro tempo, despois do descanso as xogadoras do Pescados Rubén deron un paso adiante que se traduciu en tres boas ocasións en menos dun minuto, anticipo do que acontecería no '27, cando Dany aproveitou un balón morto no corazón da área para superar a meta Elena, estabelecendo así un 1-0 definitivo que abre unha semana de festa en Burela.

O fútbol sala inclusivo chega a Ferrol

Os enormes resultados que ano tras ano acada o Pescados Rubén Burela na categoría feminina adoitan opacar os dos seus compañeiros da modalidade masculina, que actualmente son cuartos na Segunda División da Liga Nacional de Fútbol Sala, o que lle daría a posibilidade de disputar o play-off de ascenso a Primeira.

A cinco puntos da escuadra laranxa, na quinta posición, emerxe O Parrulo Ferrol, un conxunto que vén de dar un paso na vía da igualdade de oportunidades coa creación do seu equipo inclusivo.

 A formación ferrolá uníu forzas coa Fundación Gadesport e o Centro de Atención a Persoas Discapacitadas (CAPD) Souto de Leixa, de onde proceden os e as xogadoras que defenderán as cores do Parrulo. 

Adestrado por Álex Naveira e Sergio Vázquez, as súas sesións preparatorias terán lugar todas as terzas feiras en horario vespertino no Pavillón de Caranza, e a súa presentación oficial tivo lugar durante o descanso do choque que O Parrulo disputou na Malata, precisamente, nun espectacular derbi co Burela que perderon por 4-5.

Comentarios