Domingo á antiga usanza para os equipos galegos de fútbol de Primeira, Segunda e Segunda B

A xornada futbolística para os conxuntos galegos de Primeira, Segunda e Segunda B retrotraerá a todas aquelas persoas que superen a trintena de idade á época en que os partidos non se desenvolvían en días e horarios estrafalarios pensando no mercado chinés ou ianqui, senón, como mandan os cánones, en domingo.

O sorriso de Denis Suárez marca o camiño para os celestes. (Foto: RC Celta).
photo_camera O sorriso de Denis Suárez marca o camiño para os celestes. (Foto: RC Celta).

Que tempos aqueles! Sen internet, plataformas dixitais onde poder ver até un FK Gorodeya-Torpedo Zhodino da liga bielorrusa -á que quen subscribe estas liñas recoñece cun tanto de vergoña ter realizado un achegamento na época do confinamento para tratar de mitigar o mono de fútbol-, e sen calendarios de partidos deseñados pensando na comodidade da espectadora das potencias petroleiras do Golfo Pérsico ou do sureste asiático antes que na sufrida afección local, hai non tantos anos os encontros xogábanse na súa maioría os domingos e, para seguilos, había que recorrer aos programas de radio estilo Carrusel, que acumulaban millóns e millóns de oíntes.

A casualidade levou a que esta fin de semana volva de forma breve aquela época xa practicamente esquecida, pois todos os equipos galegos da Primeira, a Segunda e a Segunda División B disputarán os seus partidos o domingo pola tarde, coa excepción do Coruxo Fútbol Clube-Sociedade Deportiva Compostela, que será pola mañá, concretamente ás 12 horas.

Nese partido ambos os conxuntos buscarán estrear un marcador de vitorias que, por méritos sobre o terreo de xogo, xa deberían ter conseguido e no que a SD Compostela se enfrontará, ademais, coa estatística que di que leva exactamente 30 anos sen gañar no Vao. 

Dúas horas máis tarde, e a só dez minutos de alí, un Celta que recupera a Rubén Blanco logo da súa prolongada lesión recibe en Balaídos o líder e revelación da Primeira División, a Real Sociedade de Oyarzabal, Portu e un vello ídolo da parroquia celeste, o astro canario David Silva, coa obriga de gañar. Unha hipotética derrota afundiría con práctica seguridade o equipo nos postos de descenso e podería costarlle o posto a un Óscar García Junyent cada vez máis cuestionado.   

Os invictos maratonianos de Mehdi Nafti

Pola súa banda, o Clube Deportivo Lugo afrontará mañá ás 20.30 horas contra o Rayo Vallecano, un dos galos da categoría, outra etapa na maratón de partidos que representa a categoría de prata. O choque chega tan só tres días despois de ter que viaxar até Tenerife para un encontro no que Mehdi Nafti conservou a súa imbatibilidade como técnico albivermello, rescatando un máis que meritorio empate grazas a un gol de Juanpe no minuto 94, logo de xogar desde o minuto oito cun home menos pola expulsión de Hugo Rama.

Cos postos de descenso xa a cinco puntos de distancia, e instalados nunha cómoda novena posición, unha vitoria ante a escuadra madrileña, cuarta clasificada na táboa, podería facer que o Lugo durmise en postos de play-off de ascenso por primeira vez desde o 2 de febreiro do ano 2018.

E de novo na Segunda B, ademais do Coruxo-Compos, o outro derbi da xornada será o Pontevedra- Celta B (mañá ás 17 horas en Pasarón). Compromiso de amplo percorrido histórico, os locais contarán con 300 persoas alentándoos desde as bancadas logo dun sorteo levado a cabo polo clube.

Á mesma hora o Rácing de Ferrol ten na Malata un duro compromiso contra o sorprendente líder da categoría, o Zamora de David Movilla. Para o seu homólogo nos Diaños Verdes, Emilio Larraz, o conxunto castelán será "un rival esixente" porque "xoga con moito ritmo, buscando os espazos e con xente rápida". Non obstante, considera que o equipo "está preparado para dar unha boa imaxe", ao que contribuirá o feito de ter todo o cadro de xogadores dispoñíbel.

Finalmente, o Dépor visita o campo de Unionistas de Salamanca para un choque (domingo, 16 horas) que se desenvolverá sobre céspede artificial, unha superficie na que non están habituados a xogar os profesionais branquiazuis. 

Comentarios