Doce xornada para Guardés e Porriño na Liga Guerreiras

As escuadras do sur da Galiza, imparábeis
O Atlético Guardés superou San José Obrero por 29-20. (Foto: Sportcoeco).
photo_camera O Atlético Guardés superou San José Obrero por 29-20. (Foto: Sportcoeco).

Pleno de vitorias galegas na décimo terceira xornada da Liga Guerreiras Iberdrola, a máxima categoría do balonmán estatal. O Atlético Guardés sitúase na segunda posición do grupo A, empatado a puntos co líder Súper Amara Bera Bera logo de superar San José Obrero por 29-20, mentres que o Balonmán Porriño recorta distancias cos seus predecesores e xa axexa a quinta praza que agora ocupa Balonmán Salud Tenerife.

O triunfo da escuadra da Guarda, ademais, conta co valor engadido de producirse co seu público nas bancadas por primeira vez no que vai de ano 2021. Coa calor dos seareiros e seareiras no Pavillón da Sangriña, as xogadoras dirixidas por José Ignacio Prades víronse arriba, puxeron o mono de traballo, e tornaron nun auténtico vendaval que deixou sentenciado o partido en pouco máis de dez minutos, tempo no que tardaron en facer lucir un 9-0 no marcador.

Unha contundente defensa e moito acerto ante a portaría rival foron as chaves para que o Guardés asegurase a vitoria nos primeiros compases, nun  guión similar ao acontecido en choques recentes, como os da EHF European Cup.

A partir dese momento, as de Prades dedicáronse a rotar, dosificar e xestionar unha renda favorábel que se moveu en todo momento entre os nove, os dez e os once goles de vantaxe até que o cronómetro chegou aos sesenta minutos de partido.

Quizais o castigo foi excesivo para o equipo  lanzaroteño, que a pesar de ir a remolque todo o encontro deixou moitos detalles de calidade, como os potentes lanzamentos de Gabriela Romero -a ex do Guardés- ou as paradas de Orowizc baixo paus.

O Porriño, un fortín

A pista do Porriño continúa sendo maldita para o Adesal Córdoba na División de Honra feminina, pois o conxunto andaluz segue sen coñecer a vitoria ante o galego (25-21) na que pode ser unha vitoria fundamental ante un rival directo na loita por eludir o descenso. 

Un bo comezo parecía facer intuír un partido cómodo para os intereses das do Porriño, mais o Córdoba conseguiu dar a volta ao partido transcorridos 15 minutos (8-10), momento no que o Conservas Orbe Porriño se recompuxo logo dun severo toque de atención do técnico Ismael Martínez.

Comentarios