O Guardés, a un paso da súa primeira final continental

Málaga, nas semifinais da EHF European Cup.
atletico_guardes
photo_camera Unha xogada do partido contra o Galychanka na Sangriña (Foto: Atlético Guardés)

O Club Balonmán Atlético Guardés escribiu unha nova páxina na súa historia. O equipo que adestra por quinto ano consecutivo José Ignacio Prades conseguiu a clasificación para as semifinais da EHF European Cup. Fíxoo despois de empatar (24-24, 13-7 ao descanso) o domingo no pavillón da Sangriña e impoñerse na ida (16-24) na eliminatoria contra o HC Galychanka. 

É a primeira vez que o conxunto galego chega tan alto nunha competición europea. O Guardés chegou a gozar dunha renda de 7 tantos, grazas á boa defensa e á efectividade de Carratú na portería e nos cinco goles de Sandra Santiago. As rotacións, a ausencia de Lima e Arcos e os minutos de probas deron ás ao conxunto ucranio, que de maneira anecdótica obtivo unha renda mínima (23-24) antes de asinar o 24-24 final. 

O seguinte rival será o Rincón Fertilidad Málaga nunha eliminatoria a dobre partido que se disputará nas fins de semana do 27-28 de marzo (ida) e 3-4 de abril (volta).

O cadro das semifinais completouse despois da disputa na fin de semana de catro partidos. Alén do disputado polo equipo galego e o ucranio, Rincon Fertilidad Málaga remontou o 23-22 da ida e impúxose ao AC PAOK 30-21 na casa.

O conxunto turco Yalikavaksports Club derrotou en partido único ao Rocasa Gran Canaria por 28-25. E o HC Lokomotiva Zagreb  eliminou o DHC Slavia Praha. O equipo croata enfrontarase ao turco na segunda semifinal.

O Yalikavaksports é un equipo debutante neste nivel de competición. Fronte ao conxunto canario foi decisiva a actuación da ala esquerda Yasemin Sahin, que anotou dez goles.

Competición ligueira

En tanto que non chega a última fin de semana de marzo, data da ida das semifinais, as xogadoras do Guardés teñen por diante varias xornadas da Liga Guerreras Iberdrola. Esta cuarta feira recibirán o equipo que será o seu rival na competición continental, o Rincón Fertilidad Málaga. Será a partir das 20.45 horas na Sangriña, en partido adiado da xornada 7ª.

E xa o sábado, tamén no pavillón da Sangriña, o Guardés enfróntase ao CICAR Lanzarote Ciudad de Arrecife a partir das 19 horas, en encontro correspondente á xornada 13ª.

Comentarios