Fútbol

Desfeita galega na Copa da Raíña

Eliminados os catro equipos da Galiza.
A pasada tempada o conxunto herculino caeu eliminado na segunda rolda após empatar co Tenerife e perder nos penaltis (RC Deportivo).
photo_camera A pasada tempada o conxunto herculino caeu eliminado na segunda rolda após empatar co Tenerife e perder nos penaltis (RC Deportivo).

Afundimento da Armada Galega na Copa da Raíña. A presente edición do torneo do KO prometía ser moi ilusionante, xa que se multiplicaba a representación de equipos da Galiza, pero todos e cada un deles foron eliminados na primeira rolda.

O caso máis doloroso é o dun Real Club Deportivo que nunca até o de agora caera nun estadio tan inicial da competición, mais perdeu pola mínima a pesar de ser o gran favorito contra o Balears (1-0).

A adestradora branquiazul, Irene Ferreras, introduciu nove cambios con respecto ás mulleres que o domingo abriran con vitoria o seu percorrido ligueiro, e as suplentes, a pesar de ser superiores sobre o céspede en liñas xerais, non foron quen de levantar o tanto de Karla á saída dun córner no minuto 45 de partido.

Tamén pola mínima dixo adeus á Copa o Perruquería Mixta Friol, que durante moitos minutos parecía que ía dar a sorpresa ante o Málaga, até o tanto de Encarni no '58.

Pola súa parte, o Viaxes Interrías de Sanxenxo foi vítima do Albacete (2-3) na súa casa e o Sárdoma do AEM Lleida (0-2).

Comentarios