Fútbol

As futbolistas acordan coa Liga F pór fin á folga após nove horas de reunión

A actualización do convenio eleva o salario mínimo, antes fixado en 16.000 euros, até os 21.000 para o presente curso. No curso 2025-26, en función do crecemento dos ingresos comerciais da competición, podería ascender a 28.000 euros.
A pontevedresa Tere Abelleira (dereita) disputa un balón con Leicy Santos nun Real Madrid-Atlético. [Foto: AFP7 / Europa Press]
photo_camera A pontevedresa Tere Abelleira (dereita) disputa un balón con Leicy Santos nun Real Madrid-Atlético. [Foto: AFP7 / Europa Press]

A Liga de Fútbol Profesional Feminina (Liga F) e os diferentes sindicatos de futbolistas, baixo a intervención do Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA), alcanzaron ao fío desta pasada medianoite un acordo para desconvocar a folga das xogadoras por mor da negociación do seu Convenio Colectivo, que pedían actualizar con melloras substanciais.

"Tras unha nova e longa xornada de negociación baixo a mediación do SIMA, Liga F e os sindicatos alcanzaron un acordo en relación ao salario mínimo que permite a desconvocatoria da folga", indicou a patronal a través dun comunicado, após arredor de nove horas e media de reunión con FUTPRO, AFE, Futbolistas ON, UXT e CCOO.

Así, as partes implicadas subscribiron un acordo para as tres próximas tempadas polo cal se estabelece un salario mínimo para a 2023-24, a actual, de 21.000 euros, podendo incrementarse até os 23.000 euros en función do crecemento dos ingresos comerciais da competición. O fixado no anterior convenio era de 16.000 euros anuais.

Para a campaña 2024-25 será de 22.500 euros, coa posibilidade de aumentar esta contía até os 25.000 euros baixo o mesmo condicionante. E para o curso 2025-26 será de 23.500 euros, podendo incrementarse até os 28.000 euros tamén con base na mesma cláusula.

"Esta Liga Profesional e os seus clubes sempre defenderan a necesidade de alcanzar un acordo a longo prazo que dotase de estabilidade ao proxecto do fútbol profesional feminino e permitise un crecemento gradual e sostíbel acorde ao desenvolvemento da competición", sinalaron os clubes agrupados na patronal nesta nota de prensa.

"O compromiso e os reiterados esforzos dos clubes durante o proceso de negociación contribuíron de maneira fundamental á consecución do tan necesario escenario de paz sen perder de vista a sustentabilidade da competición", subliña o texto. Neste senso, confían "nun escenario que esperamos mostre o camiño ao resto de institucións que forman parte do deporte español e permitan impulsar o proxecto do fútbol profesional feminino".

Por último, a Liga F quixo "agradecer á Fundación SIMA e aos mediadores implicados" tanto o seu "compromiso" como a súa "dedicación" nas negociacións do Convenio Colectivo, que "resultaron determinantes para a consecución deste acordo".

Comentarios