Os equipos galegos soñan coa Copa

Dépor, Friol, Sárdoma Interrías entran hoxe no bombo do sorteo.
A pasada tempada o conxunto herculino caeu eliminado na segunda rolda após empatar co Tenerife e perder nos penaltis (RC Deportivo).
photo_camera A pasada tempada o conxunto herculino caeu eliminado na segunda rolda após empatar co Tenerife e perder nos penaltis (RC Deportivo).

Hoxe a partir das 12 horas da tarde a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) deixará de ser noticia polo seu polémico presidente, Luis Rubiales, pois a esa hora organizará, na súa sede na localidade madrileña das Rozas, o sorteo da primeira eliminatoria da Copa da Raíña.

Esta tempada son catro os equipos galegos que entrarán nun bombo integrado por 32 conxuntos: Real Club Deportivo da Coruña, Perruquería Mixta Friol, Sárdoma Club de Fútbol e Viaxes Interrías de Sanxenxo.

O torneo do KO está estruturado nun total de seis eliminatorias, todas elas a partido único agás as semifinais, que adoptarán o formato de ida e volta. Con respecto aos emparellamentos, até onde sexa posíbel os clubs de inferior categoría xogarán contra os que militen nunha división superior, actuando o primeiro como local sempre que os seus campos respecten os requisitos estabelecidos pola RFEF.

No referente ás datas, a Federación comunicou que esta primeira rolda copeira terá lugar entre os días 12, 13 e 14 de setembro, tendo preferencia para a elección da data os equipos locais, aínda que os horarios poderían estar condicionados ás directrices do operador de televisión propietario dos dereitos de retransmisión.

A Galiza multiplica por dous a súa representación

A presenza de catro conxuntos da Galiza na primeira fase da Copa da Raíña multiplica por dous o número de equipos do país que serán da partida con respecto a 2022, onde só competiron Dépor e Friol.

O primeiro superou con facilidade o seu primeiro rival (Parquesol, 5-0), pero caeu na segunda rolda desde os 11 metros logo de empatar sen goles contra o Tenerife. Pola súa parte, o Friol quedou fóra ás primeira de cambio logo de caer goleado 6-0 fronte o estremeño Club Deportivo Pozoalbense.

As caras novas, Viaxes Interrías e Sárdoma, aspiran a mellorar ese papel superando o obstáculo inicial. O primeiro, con sede en Sanxenxo, é o único club galego na Segunda Federación -curiosamente, a terceira categoría-, mentres que o Sárdoma milita na cuarta, denominada Terceira Federación.

Comentarios