PREVIA | Óscar Cano pon a proba o seu Dépor en Badaxoz baixo a alongada sombra de Scaloni

Segundo partido do conxunto branquiazul en menos de 72 horas
Logo de empatar co Córdoba, o técnico Óscar Cano acumula xa unha xeira de mes e medio sen perder. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Logo de empatar co Córdoba, o técnico Óscar Cano acumula xa unha xeira de mes e medio sen perder. (Foto: RC Deportivo).

Óscar Cano sumou o pasado sábado ante o Córdoba, líder da Primeira Federación, un novo partido sen perder desde que fora designado como novo adestrador do Real Club Deportivo o pasado 11 de outubro.

Desde entón, o conxunto branquiazul caeu derrotado tan só nunha ocasión -o 23 de outubro ante o filial do Real Madrid-, empatou dúas veces e gañou en tres, unha senda que está obrigado a recuperar se non quere que a distancia co ascenso directo continúe medrando.

Lionel Scaloni, técnico da selección arxentina: "Adestrarei o Dépor, teño ese soño"

E máis tendo en conta que a lenda deportivista e actual seleccionador arxentino, Lionel Scaloni, confirmou en Qatar o seu desexo de ocupar o seu posto -"claro que o vou adestrar, téñoo clarísimo"-, unha sombra demasiado alongada que só se disipará a base de vitorias, sendo a primeira oportunidade para sumar de tres en tres tan cedo como hoxe (20 horas) ante o Badaxoz en Estremadura

Cano apuntou na rolda de prensa previa ao seu oitavo partido como preparador do Deportivo que "probabelmente" xogará cos mesmos que saltaron ao céspede de Riazor o pasado sábado, polo que serían titulares Mackay; Antoñito, Lapeña, Jaime, Raúl; Olabe, Rubén Díez, Isi Gómez, Quiles, Svensson e Soriano.

O Rácing faise co derbi 

Desiguais resultados para o resto dos equipos galegos na Primeira RFEF. No derbi galego en Pasarón o Pontevedra non foi quen de facer valer o factor campo, volvendo caer ao descenso após perder 0-2 cun Rácing de Ferrol que, polo contrario, volve ao play-off. Pola súa parte, o Celta B empatou co Alxeciras e continúa no ecuador da clasificación.

Comentarios