O Dépor perde nos detalles

O detalle de ter porteiros (todos) excesivamente dadivosos co contrario. O detalle de aliñar un central tan pouco solvente como Albentosa. O detalle de desbaldir (Adrián) no desconto unha catedralicia ocasión de gol. 

Deportivo-Valencia. 13 de xaneiro de 2017.
photo_camera Rubén olla como o balón entra na súa portería no 0-2

Nova derrota do Deportivo no campionato e outravolta a análise abócanos a unha evidencia: a equipa agora treinada por Cristóbal non é quen de completar 90 minutos sen deixar algún detalle impropio dun combo da elite. E así non é posíbel competir. Os números da escadra galega nesta primeira volta da Liga son para chorar: 4 vitorias, 4 empates, 11 derrotas. 16 pontos sobre 19 encontros, isto é, un promedio de 0,84 pontos por partido. Números de Segunda División.

E o asunto é que se nos cinximos a aproximadamente 89 minutos de xogo o Deportivo estivo francamente potábel perante a terceira mellor escadra do campionato, o Valencia de Marcelino. O problema está nese minuto restante. Ese erro de alevín de Rubén Martínez ao non atrapar o fácil chut de Guedes. Esa desconcentración de Albentosa que permite ao vigués Santi Mina rabuñar a bola que daría paso ao gol de Rodrigo. Esa falta de destreza de Adrián para embocar o balón na portería de Neto cando o partido daba as súas boqueadas. As tres accións por xunto apenas suman un minuto. Ese maldito minuto. Eses malditos detalles.

O Dépor repetiu trivote na saída ao campo -Guiherme, Borges, Mosquera- coa ideia de fortificarse na medular. Perdía imaxinación ao deixar no banco Çolak, mais Cristóbal ten fe cega na capacidade de criación de Adrián -Carles Gil está a perder o favor do treinador- e -nunha decisión de ar político, para sofocar un eventual motín no vestiario- aliñou Lucas Pérez acarón de Andone. O mao é que este Lucas aínda non é aquel Lucas. Está en realidade a certos anos luz de o ser aínda. Outro pequeno detalle.

Na primeira metade, Borges abeirou o gol e o Valencia foi sobre todo Guedes, un futebolista de enorme clase que atravesa un momento de forma descomunal. Tentou o gol de todos os xeitos e foino atopar da forma máis doada, coa colaboración inestimábel dun Rubén Martínez que perpetrou un erro dos que retratan un gardamallas. O gol foi visto por todos como unha fatalidade, un clásico na historia recente do Deportivo. Sobreveu entón sobre Riazor unha certa sensación de irrealidade, como se os futebolistas da equipa branquiazul estivesen todos a pensar "isto non nos pode acontecer a nós, outra vez non". Bon foi que o Valencia non aproveitase o estado de shock galego para aumentar a vantaxe.

No segundo acto, Cristóbal tirou de manual e puxo Çolak no campo. A equipa comezou a circular mellor o balón e a se despreocupar un chisco do rival, a ser un pouco máis ela propia. Mais daquela chegou o segundo detalle. Albentosa decidiu pensar noutra cousa e Santi Mina, atento, rouboulle a bola que xerou o 0-2. Outro baño de irrealidade. Outro baño de "non sabemos onde meternos". Riazor estupefacto. Son estes futebolistas de Primeira División? Como é posíbel tanta falta de atención aos deberes básicos dun xogador profisional?

Lucas -no mellor que fixo durante o match, un bon centro desde a direita-, Adrián e Andone -combativo como sempre- fabricaron o 1-2 no minuto 88. Esperanza. Apelos á épica. Respiración contida. E, si, o Dépor puido empatar. No desconto. Mais Adrián enviou a bola por cima da trabe. Cuestión de detalles.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Sidnei, Albentosa, Luisinho, Guilherme, Pedro Mosquera (Fede Valverde, min. 70), Borges (Emre Çolak, min. 52), Lucas, Andone e Adrián.

Valencia CF: Neto, Ruben Vezo, Gabriel Paulista, Garay, Gayá, Maksimovic, Coquelin (Martín Montoya, min. 83), Parejo, Guedes, Rodrigo (Zaza, min. 81) e Santi Mina (Vietto, min. 74).

Goles: 0-1 Guedes (min. 37); 0-2 Rodrigo (min. 64); 1-2 Andone (min. 88).

Árbitro: Alberola Rojas (c. castelán manchego). Cartóns amarelos a Pedro Mosquera (min. 47), Parejo (min. 63) e Albentosa (min. 90+3).

Incidencias: partido da 19ª xornada da Liga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 19.096 espectadores.

Comentarios