O David marroquino busca sorprender o Goliat galo

Desigual duelo nas semifinais do Mundial.
En Tailandia adiantaron o partido... con elefantes. Gañou Francia. (Foto: Europa Press).
photo_camera En Tailandia adiantaron o partido... con elefantes. Gañou Francia. (Foto: Europa Press).

A segunda semifinal da Copa do Mundo enfronta dous equipos moi desiguais. Un, Francia, vixente campioa e que conta nas súas filas con estrelas millonarias que militan nos mellores equipos do mundo. Outra, Marrocos, que nunca antes se vira noutra igual e que tratará de seguir sorprendendo despois de deixar fóra Bélxica, España e Portugal.

No partido, que terá lugar ás 20 horas de hoxe, os galos deberían formar con Lloris; Koundé, Varane, Upamecano, Hernández; Tchouaméni, Rabiot, Griezmann, Dembélé, Giroud e Mbappé. Os Leóns do Atlas, pola súa parte, apostarían por Bono; Achraf, El Yamiq, Dari, Attiat-Allah; Ounahi, Amrabat, Amallah, Boufal, En-Nesyiri e Ziyech.

Irán executará o futbolista Amir Nasr-Azadani

Antes de comezar o Mundial de Qatar o presidente da FIFA, Gianni Infantino, exhortou aos líderes mundiais, en especial dos países participantes, a levar a cabo un alto temporal nos conflitos nos que estaban inmersos, nunha clara referencia á coñecida como Tregua Olímpica.

O chamamento non tivo maior impacto, e durante o torneo continuaron producíndose violacións dos dereitos humanos nunha boa parte das nacións contendentes. Nunha delas, o Irán, tivo lugar unha durísima represión das manifestación que reclamaban maiores dereitos para a mulleres da antiga Persia, que se orixinaron a raíz da morte a mans da Policía da Moral da kurda Mahsa Amini, detida por non levar o veo. 

Unha das miles de persoas que saíu protestar foi o futbolista de 26 anos Amir Nasr-Azadani, condenado a morte polas autoridades iranias, segundo confirmou a Federación Internacional de Asociacións de Futbolistas Profesionais (FIFPRO), que pediu a eliminación desa pena.

"FIFPRO está conmocionada e desgustada polas informacións de que o futbolista profesional Amir Nasr-Azadani afronta a execución en Irán despois de facer campaña polos dereitos das mulleres e as liberdades básicas", sinalaron nun comunicado, engadindo que o delito do que se lle acusa é o moharebeh -literalmente, "inimizade con Deus"-, que implica a execución. 

A organización apuntou, ademais, que a familia do condenado "foi repetidamente ameazada polas forzas de seguridade" para que "non desvelaran que o seu familiar estaba detido, algo que si transcendeu". 

Comentarios