David Ferrer, novo director técnico da Federación Galega de Atletismo

O organismo federativo busca impulsar este deporte co nomeamento do atleta David Ferrer.
O novo director, David Ferrer (Foto: FGA).
photo_camera O novo director, David Ferrer. (Foto: FGA)

A Federación Galega de Atletismo (FGA), a través do seu presidente, Iván Sanmartín, facía público esta cuarta feira o nomeamento de David Ferrer como novo director do organismo.

Ferrer é, na actualidade, unha das cabezas máis visíbeis e coñecidas do atletismo galego. Nado en Pontevedra en 1990, comezaba a practicar atletismo con só cinco anos influenciado por unha contorna familiar moi vencellada de maneira directa con este deporte. 

Especialista no concurso de lonxitude, no que ten como mellor marca persoal 7,29 metros, lograría ao longo dos seus anos de actividade un bo número de podios galegos en diversas categorías.

Na actualidade, Ferrer xa era unha das pezas fundamentais da Ximnástica de Pontevedra nos seus distintos compromisos na División de Honra

Durante os últimos sete anos, estivo compaxinando a súa tarefa de atleta coa dos seus estudos de fisioterapia e a de delegado federativo en Pontevedra, unha labor que lle facilitaría acumular unha importante experiencia e coñecementos na parcela técnica e na de xestión.

Mellorar o atletismo galego

O novo responsábel técnico afirma que afronta esta nova etapa "con moita ilusión e ganas de contribuir a mellorar o atletismo galego" marcándose como un dos seus obxectivos "buscar e potenciar un diálogo e entendemento con todos os estamentos do noso deporte".

Tamén Iván Sanmartín quixo valorar este nomeamento.   "Non só cubriremos unha área fundamental da Federación, que desde facía bastante tempo se viña ocupando de forma interina, senón que coa incorporación de David, potenciaremos e dotaremos de máis e maiores recursos unha dirección técnica que sexa un elemento vertebrador e impulsor do atletismo".

Comentarios