Charo Castro, Sociedade Ximnástica Pontevedra: "A base é fundamental e os nosos equipos están participando en todas as competicións"

A Sociedade Ximnástica Pontevedra é todo un referente no atletismo galego. A entidade, creada en 1927, vén de coincidir en Ourense cos mellores clubs estatais evidenciando as diferenzas que hai neste deporte. 'Nós Diario' conversa coa súa presidenta, Charo Castro, sobre o labor do club para conseguir éxitos coa canteira. 

A responsábel do club ontevedrés, Charo Castro (Foto: Nós Diario).
photo_camera A responsábel do club ontevedrés, Charo Castro (Foto: Nós Diario).

—Como definiría a experiencia de organizar un campionato de categoría como o que tivo lugar en Ourense?
Como unha moi boa experiencia. Houbo moita asistencia de público. A xente de Ourense animouse e veu ver a competición. Foi unha oportunidade estupenda poder contar cos oito mellores equipos do Estado español, tanto femininos como masculinos.

Nós, sendo organización, estabamos un pouco como convidados. As deportistas que participaban eran de División de Honra e nós estamos en Primeira División. Porén, pelexamos e todas tentaron facelo o mellor posíbel.

No caso dos nosos atletas, ao estar tamén en División de Honra, fixeron unha mellor actuación. Foi o caso da carreira de remudas, a de 3.000 metros e a de 1.500 metros. Vivimos toda unha xornada festiva. 

—Leva cinco anos como presidenta do club. Máis alegrías que decepcións?
O cargo enriqueceume moito persoalmente. No momento en que non estea a gusto, deixareino. Teño unha colaboración total, no só por parte das e dos atletas, tamén da xunta directiva. Ademais, contamos co apoio das institucións, en xeral, e de patrocinadores privados.    

—Que lle faltaría ao club para mellorar e chegar aos niveis de competición que se viron en Ourense? É unha cuestión económica?
O tema económico para o noso club é fundamental. Equipos como o Valencia Atletismo ou o FC Barcelona, que estiveron esta fin de semana en Ourense,  teñen unha potencia económica moi grande.

No equipo masculino, non temos moito problema e contamos con moitas subvencións, polo que hai opcións de,  partindo da canteira, completar con algunhas fichaxes de fóra.

As axudas para o equipo feminino son menores e temos outra concepción: todo o equipo é da canteira do club, son galegas, e non realizamos fichaxes. Queremos fomentar as nosas atletas. Quizais para poder ascender e optar a estar nunha División de Honra, faría falta facer un maior desembolso económico. Penso que é a única posibilidade.

—Que papel xoga a canteira na liña de traballo da Sociedade Ximnástica Pontevedra?
É moi importante. Dá moito gusto ver como temos as escolas, cunha gran cantidade de nenas e nenos participando. É curioso, mais na canteira contamos cun maior número de atletas femininas que masculinas. A base é fundamental e os nosos equipos están participando en todas as competicións, desde o Xogade até outras.

Nelas vemos como van subindo e pasando aos equipos absolutos, loitando e harmonizándose co resto de compañeiras e compañeiros. Funciona. Creo que as nais e os pais están moi contentos co traballo que se dá coa base.

—Cales son os obxectivos que ten o club para este ano?
Os que tivemos sempre. Seguir potenciando as escolas deportivas e que as nenas e os nenos compitan no maior número de probas e desprazamentos posíbeis. Despois, no equipo masculino absoluto, continuar loitando na División de Honra.

No caso do feminino, pelexar en Primeira e ver a posibilidade, nun determinado momento, poder optar a subir á División de Honra, aínda que por agora témolo complicado. 

—O seu club tamén ten participado na organización de probas de atletismo en Pontevedra. Considera positivo que se realicen moitas competicións de todo tipo na cidade?
É unha marabilla poder ter tantas competicións e esa diversidade nunha cidade como a nosa. Temos que agradecer ás institucións que fomentan iso e que están sempre axudando co apoio necesario para que se poidan levar a cabo. Agardamos que non mude e que continúe así  nos vindeiros anos.

Comentarios