ciclismo

Damián Ramos correrá o Mundial de Ciclismo en Pista Paralímpico

O herculino busca asegurarse un posto nos Xogos de París 2024.
Ramos (centro), acompañado por Clincke (á esquerda) e Bertolin. (Foto: RFEC).
photo_camera Ramos (centro), acompañado por Clincke (á esquerda) e Bertolin. (Foto: RFEC).

O galego Damián Ramos encara unha cita chave de cara ao proceso clasificatorio para os Xogos Paralímpicos de París 2024 entre o 20 e o 24 deste mes, cando terá lugar na localidade brasileira de Río de Janeiro o Campionato do Mundo de Ciclismo en Pista Paralímpico.

Ramos, que milita no Lasal Cociñas-Louriña, foi un dos seis convocados -xunto con Ricardo Ten, Luis Javier Arcega, Eduardo Santas, Alfonso Cabello e Pablo Jaramillo- polo seleccionador estatal, Félix García Casas, que conta co corredor coruñés na clase C4 de bicicleta adaptada.

Até o Brasil viaxa co aval que lle outorgan a súa recente medalla de ouro no Campionato de España de Persecución individual, así como o ouro e o bronce que gañou nas probas de estrada e contra o reloxo, respectivamente, na Copa do Mundo que organizou Adelaida (Australia) a mediados do pasado mes de xaneiro.

Ribadeo inaugura a Copa Galiza Máster 2024

Unha das competicións máis senlleiras do calendario galego de ciclismo en estrada medra neste 2024. Con catro xornadas puntuábeis, unha máis que o ano pasado, a Copa Galiza Máster actívase cunha estrea, pois este domingo, 17 de marzo, desenvolverase na Mariña o primeiro Trofeo Vila de Ribadeo.

O Club Ciclista Eo dá a luz unha carreira de 77 quilómetros con saída e meta no Parque de San Francisco, e na que estarán en xogo as primeiras camisolas de líderes do torneo a partir das 11 horas.

Non moi lonxe de alí, no Saviñao (Terra de Lemos), a Copa Galiza vivirá a súa segunda cita na Volta a Lugo Máster. Esta etapa, organizada polo Club Ciclista Chantadino na mañá do sábado 6 de abril, tamén repartirá puntos para a competición organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG).

As outras dúas xornadas de acción no marco deste trofeo levaranse a cabo no mes de maio. Así, a oitava edición da Challenge As Rías Baixas, unha vez máis da man do Club Máster da Louriña, ofrecerá unha tirada con final en Mos (Vigo) na mañá do sábado de 4 maio. Xa o 25 do mesmo mes baixará o pano da Copa co X Trofeo de Ciclismo Concello da Estrada, organizado polo Club Ciclista Cidade de Santiago, e que determinará quen son os gañadores e gañadoras do certame.

X Marcha Río Ulla BTT

Movendo o foco do ciclismo en estrada ao de montaña, o mesmo día que as bicicletas boten a rodar no marco da Copa Galiza Máster, este domingo, 17 de marzo, o Concello de Touro (Arzúa) recibe a X Marcha Río Ulla BTT, que atravesará "distintos atractivos turísticos do municipio" desde as 9.30 horas. Cun percorrido de 35 quilómetros e un desnivel acumulado de 1.200 metros, a auga terá un papel protagonista, xa que a maior parte da ruta discorrerá a carón do río Ulla.

Despois, os e as participantes dun evento que fecha esta quinta feira o seu prazo de inscrición atoparanse con outros elementos moi recoñecíbeis, como a ponte Basebe, a fervenza do Inferniño, o sobreiral do Ulla, o miradoiro de Pena, o coto de San Sebastián e mesmo o aeroporto Rosalía de Castro.

Esta ruta, insisten desde a organización, está dirixida sobre todo ás persoas maiores de 18 anos, máis tamén se verá tomar a saída a corredores e corredoras de entre 14 a 17 anos que contaron con autorización paterna ou materna.

Comentarios