Baloncesto

Veljko Mršić: "O Breogán pode e debe xogar aínda mellor"

O técnico do conxunto galego, esperanzado cunha reacción que eleve a posición dos lucenses na ACB.
O técnico croata Vljko Mrsic. (Foto: Liga ACB).
photo_camera O técnico croata Vljko Mrsic. (Foto: Liga ACB).

O Leite Río Breogán encara este sábado o seu primeiro partido ligueiro no que puido destinar a semana íntegra á súa preparación, logo da súa eliminación da Basketball Champions League a mans do Pinar Karsiyaka turco.

Sen a influencia da competición europea xa non hai excusas para que os xogadores celestes  non recuperen o nivel que se lles presupón e comecen a ascender posicións na ACB, onde ocupa o penúltimo posto con só seis triunfos en 19 encontros.

O seu primeiro rival nesta nova etapa da tempada será o Baxi Manresa, comodamente instalado na zona morna da táboa con dez vitorias, a quen visitará no histórico Nou Congost ás 20.45 horas do sábado.

Para o técnico do conxunto  galego, Veljko Mršić, os seus homes "poden e deben xogar mellor".

"Adestraremos máis agora, iso é unha vantaxe, igual que quitar de enriba esas viaxes tan duras", engadiu o preparador croata, que puxo en valor o seu rival na competición da regularidade, a quen definiu como un bloque "de moita calidade" liderado por "un dos mellores adestradores de Europa", o catalán Pedro Martínez".

Ademais, destacou a "implicación" do escolta estadounidense Ben McLemore, quen xogará en Manresa a pesar do recente falecemento da súa irmá, collendo despois un avión rumbo aos Estados Unidos para estar no funeral.   

Comentarios