O coruñés Luís Suárez, lenda do fútbol galego, será enterrado esta terza feira en Milán

Xan Fraga salienta que o xogador "quedou no ostracismo por non xogar no Real Madrid".
Luís Suárez (Foto: Inter).
photo_camera Luís Suárez, durante a súa etapa como 'azzurri'. (Foto: Inter)

Annus horribilis para o Dépor. Se en febreiro deixaba este mundo Amancio Amaro e en maio falecía Arsenio Iglesias, o domingo chegou a mala noticia da morte de Luís Suárez en Milán, Italia. O equipo branquiazul informaba a través dun comunicado da noticia e indicaba que o seu ex xogador sería enterrado esta terza feira ás 14.45 horas na parroquia de San Giuseppe Calasanzio, en Milán, Italia.

Fillo do barrio coruñés de Monte Alto, Luisito, como se lle coñeceu cando comezou, iniciou a súa andaina no Perseveranza de Santo Tomás, no seu barrio. Tardou pouco en incorporarse ao primeiro xuvenil do Dépor para pasar ao Fabril e rematar, na tempada 1953-54, no primeiro equipo cunha estrea fronte ao FC Barcelona.

Tras dezasete partidos, a directiva coruñesa traspasouno, xunto a Dagoberto Moll, ao club catalán onde disputou seis tempadas e co que foi distinguido co Balón de Ouro, en 1960.

En 1961 comezou a súa etapa italiana como xogador do Inter de Milán durante nove tempadas, gañando tres ligas italianas e dúas Copas de Europa, até rematar a súa carreira deportiva en 1973, na Sampdoria. Continuou ligado ao fútbol como adestrador no Inter, no Cagliari, na selección española e tamén no Dépor durante a campaña 1978-79. 

Esquecido por non xogar no Real Madrid

Unha homenaxe en 2010, coincidindo co seu 75º aniversario, serviu para traer á Coruña o seu Balón de Ouro, documentación sobre a súa traxectoria e a gratitude da súa cidade coa colocación dunha placa na súa casa natal. Porén, en opinión do historiador Xan Fraga, autor do libro Luís Suárez, fútbol de seda (Edicións Baía, 2010) ) “faltoulle o recoñecemento que se merecía”.

A través dunha exhaustiva investigación desmentiu que a súa chegada ao FC Barcelona fose “como segundo, acompañando a Dagoberto Moll” localizando os contratos orixinais que indicaban todo o contrario. 

Todas as testemuñas coas que contactou, entre elas xogadores como Moll ou Fusté, aseguran que era “o xogador máis extraordinario que viran”. Fraga explica que a súa maneira de xogar, con pases longos ao espazo, fixo que Di Estéfano lle puxera de alcume O arquitecto. “Iribar comentoume que, para el, Súarez era a conxunción do mellor Koeman, de Guardiola e de Schuster”, relata o investigador. 

Fraga cre que a fama que colleitou fóra negóuselle aquí "por xogar no FC Barcelona e no Inter  de Milán, mais nunca estivo no Real Madrid, equipo que chegou a eliminar en varias ocasións”. A rivalidade do equipo madrileño co italiano crearía, dalgunha maneira, "que Luisito estivese nun certo ostracismo". 

Comentarios