A Coruña celebra 25 anos de baloncesto

O Básquet A Coruña conmemora esta sexta feira o seu aniversario en Riazor. 
O Básquet A Coruña chegou a disputar o 5º partido do playoff contra o Breogan en maio de 2016 (Foto: Basquet A Coruña)
photo_camera O Básquet A Coruña chegou a disputar o 5º partido do playoff contra o Breogan en maio de 2016 (Foto: Basquet A Coruña)

O Trofeo Teresa Herrera que enfrontará hoxe o Básquet A Coruña co San Pablo Burgos (Pazo dos Deportes de Riazor, 20 horas) servirá de escenario para que o club herculino celebre o seu 25º aniversario. No descanso, a entidade homenaxeará os seus presidentes e adestradores, protagonistas dun proxecto que vive da ilusión de que o baloncesto ocupe o lugar que merece na cidade. 

No acto, lembrarase a Enrique Vázquez, histórico xogador do baloncesto coruñés e primeiro presidente do club, e continuará con Julio Flores, impulsor das categorías de base, e Carlos Lamora, co que se consegue o reencontro coa LEB Ouro en 2012 e se disputa o primeiro playoff de ascenso á ACB. Na homenaxe, estarán presentes tamén Manuel García, que liderou a xunta xestora en 2014 até a chegada de Juan Carlos Fernández, actual vicepresidente e presidente de 2014 a 2018 e co que a entidade se consolidou na LEB Ouro e sentou as bases para a súa transformación, xa con Roberto Cibeira á fronte, en Sociedade Anónima Deportiva. 

O Básquet A Coruña lembrará tamén a achega de José Cheché, socio número 1 e impulsor do club nos inicios xunto con María José Cousillas, quen desde a presidencia do Club Atlántico A Coruña facilitou a continuidade do Básquet A Coruña nun momento delicado da entidade.

Por parte dos adestradores, a lembranza chegará a Javier Díaz Castroverde, o seu primeiro técnico e o home que dirixía o equipo na conquista da Copa Galiza en setembro de 1996. Tamén a Juan Díaz, Miguel Ángel Hoyo, Javier Rodríguez, Nacho Rama, Antonio Pérez, Antonio Herrera, Tito Díaz, Gustavo Aranzana e Sergio García. 

Un club familiar, saneado e con moito futuro

Xogador durante anos e membro do corpo técnico na actualidade, Charlie Urzal rememora para Nós Diario un anaquiño desa historia. “O club sempre foi unha entidade familiar, co equipo practicamente galego e só un estranxeiro”, explica. Desde que chegou en 2005, notou o apoio da afección nos momentos chave, “como na loita de ascenso á LEB Prata en Cáceres”.

Coa chegada á LEB Ouro, na tempada 2012-2013, por convite da federación, a entidade evoluciona e marca a liña actual. “Certo que non conseguimos un ascenso á ACB mais estivemos moi perto malia estar nunha categoría difícil”, indica. 

O actual técnico da canteira do Básquet A Coruña recoñece que o club “pasou por moitos altibaixos, sobre todo pola chegada da profesionalización”. Apunta que na categoría actual “se queres ter un equipo competitivo tes que conseguir patrocinios para poder ter xogadores importantes e non é doado”.

Porén, considera que agora mesmo o conxunto herculino conseguiu ter un orzamento que podería situarse “estar entre os sete equipos da liga”, unha situación que lles permite “loitar en igualdade con outros da mesma categoría”. Un dos momentos difíciles que lembra Charlie foi o incendio que sufriu a sede da entidade en 2014. “Perdérase moita documentación importante da que dependían algunhas das nosas axudas públicas  e foi un momento complicado”, rememora. 

De toda esta historia “ilusionante” de 25 anos, Charlie queda coa mensaxe positiva dunha entidade saneada no económico e loitadora quer no deportivo, quer no social, que procura “facer da Coruña unha cidade que teña tamén o baloncesto como referente tal e como ten agora mesmo o fútbol”.

Comentarios