As seleccións de billarda competirán en Abegondo

A billarda galega ten unha cita este sábado en Abegondo. Será nun torneo que reunirá ás seleccións galegas e que poderá verse pola segunda canle da TVG.
Detalle do promocional das retransmisións de billarda na TVG (Foto: CRTVG).
photo_camera Detalle do promocional das retransmisións de billarda na TVG (Foto: CRTVG).

A contorna do encoro de Beche, en Abegondo, acollerá este sábado unha xornada deportiva moi especial dedicada aos deportes tradicionais. Comezará pola tarde, cun torneo de chave que disputarán, entre as 15.30 de 17.30 horas os equipos de Bergantiños e Arteixo. Algo máis tarde, entre as 20 e as 21 horas, a protagonista será a billarda cun enfrontamento entre as seleccións Norte e Sur da Galiza. 

O sistema escollido para este primeiro campionato, que será retransmitido en directo pola TVG2, contará cunha fórmula innovadora. Comezarán competindo por parellas e golpeando as dúas persoas de cada equipo unha soa billarda. Así, cada selección formará catro parellas mixtas, ou sexa, un xogador da categoría absoluta e unha xogadora da categoría feminina ou da categoría infantil.

Estas xogadoras e xogadores conseguiron a súa praza na selección despois de contabilizar as puntuacións das últimas cinco xornadas da Liga, tanto na Conferencia Noroeste como na das Rías Baixas.

Catro prazas son da categoría absoluta, dúas prazas da feminina e outras dúas prazas da infantil. A orde de golpeo é alternativa. A xogadora ou xogador da parella dá o primeiro golpe e o segundo ten que dalo a outra xogadora ou xogador da parella. En cada carreira haberá un enfrontamento entre dúas parellas, unha do Norte e outra do Sur.

Unha vez finalizada esa carreira entrarán en xogo outras dúas parellas. Cada carreira terá a puntuación de vitoria para Norte ou Sur, ou empate. Sumaranse os puntos de cada enfrontamento e a selección que máis ptos consiga ganará o Campionato e levará o Trofeo para o seu territorio.

Dúas seleccións preparadas para competir

Fontes da Federación Galega de Deporte Autóctono sinalan que os equipos fan os seus últimos axustes tácticos técnicos e humanos. Así, o Sur ten definidas as parellas e "nada pode impedir a nosa vitoria sobre o céspede de Beche", afirmaba onte o seleccionador Charri.

Pola outra beira, a selección do Norte anda con dúbidas e a seleccionadora Auri, xa fixo o primeiro troco na confección das parellas e tivo que substituír a Óscar Ponte e decantouse por Roi de APB. En relación ao equipo arbitral, desde a Federación  confirmaron a participación de Abel Regueiro.

Comentarios