Andrés Garrido, 'Che': "A billarda ten aplicación en eidos como as matemáticas"

O pasado día 26 de marzo escribiuse un novo capítulo na historia da recuperación da billarda coa disputa da edición inicial da Súper Copa, que tamén foi a primeira ocasión na que a TVG retransmitiu un evento desta histórica modalidade na que se proclamou gañador Andrés Garrido, Che (Moscoso, Pazos de Borbén, 1983). 
Che leva desde a infancia practicando a billarda. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Che leva desde a infancia practicando a billarda. (Foto: Nós Diario).

O pasado sábado A Coruña acolleu a Súper Copa, un grande evento televisado por vez primeira a través da sintonía da Televisión da Galiza (TVG) que evidenciou o crecemento da disciplina desde a constitución da Federación Galega de Deporte Autóctono (FGDA). Como viviu a súa vitoria no histórico certame?

Foi algo sorprendente, pois competía con Ricar e Xan Rodiño, que son dous gañadores natos neste xogo, dúas persoas que non permiten un erro, pero nesta ocasión foron eles os que fallaron, algo difícil de ver. 

Tiña a competición unha aura diferente á dunha data calquera na Liga Nacional?

Por suposto, non tiñan nada que ver. Non era o ambiente festivo doutras veces, no que falas con todo o mundo... aquí era algo distinto, aínda que eu persoalmente non sentín máis presión que nun aberto calquera.

Onde está o límite ao crecemento que está a vivir a billarda?

Cuestión difícil de responder. Polo de agora é un xogo no que se non empeza a anotarse máis xente corre o risco de esmorecer de novo e chegar a un punto de volver quedar en algo residual. Eu son dos que opina que nunca se deberían dar premios económicos, en cartos, para que non se enrareza o ambiente, pero tamén son consciente de que hai xente que opina o contrario, de que os premios económicos axudarán a que isto se converta nun deporte máis rapidamente. 

Eu penso que así estamos ben, e que as pequenas promocións ou axudas para materiais e desprazamentos, que agora que estamos baixo unha federación pode empezar a habelas, xa serían un incentivo bastante interesante. Penso que a billarda non se debe converter nunha competición na que o único que importe sexa gañar.

Vostede pode achegar unha dupla perspectiva, como xogador de billarda de primeiro nivel e como mestre. Como está sendo o achegamento da rapazada á billarda?

Varios alumnos meus viron verme esta fin de semana e quedaron moi sorprendidos.

Cando hai achegamentos escolares, que normalmente teñen lugar porque hai mestres de Educación Física que queren ensinarlle á rapazada xogos de aquí, gústalles. O problema é que nas cidades normalmente non hai espazo para poder xogar. A billarda ten a súa aplicación curricular, á parte da lúdica, pois pode empregarse en matemáticas para medir distancias, facer aproximacións mentais... é marabillosa.

Facendo memoria... no seu caso particular, cantos anos leva practicando a billarda e como foi a súa introdución na disciplina?

Eu xogaba de pequeno, porque son do rural, do interior de Pontevedra, e ensináronme a xogar á billarda cun pau calquera. Non había competicións, só xogabamos entre amigos, como un entretemento máis. Logo, tempo despois, coñecín Xan Rodiño e a raíz de aí entrei de novo en contacto coa billarda tras moitos anos, e até hoxe.

E xa movendo o foco cara ao futuro. Chegaremos a ver unha selección galega de billarda?

Pois non che sei (ri). Houbo un intento de ir xogar a Eslovaquia, pero o que son campionatos internacionais nesta modalidade non hai, pois en Eslovaquia por exemplo xógase dun modo distinto ao que se fai aquí na Galiza, que á súa vez é diferente de como se xoga en Catalunya. Agora, persoalmente a min non me interesa a competición internacional, a miña visión da competición é un pouco light, por dicilo dalgún modo.

Comentarios