Corredoiras domina a Liga Atlántica e imponse en tres categorías

A escuadra de Bueu venceu ante o seu público
A proba tivo lugar no Campo da Estacada (Foto: FGDA).
photo_camera A proba tivo lugar no Campo da Estacada (Foto: FGDA).

A Liga Atlántica de Billarda 2022/23 chegou á súa fin coa disputa en Bueu dunhas agardadas finais que enfrontaron os mellores palanadores e palanadoras da Galiza.

O conxunto local, Corredoiras, evidenciou unha vez máis o peso do factor campo, xa que logrou imporse en tres das seis categorías: por equipos, absoluta e feminina por equipos.

Na primeira das mesmas a escuadra bueuense fixo bos os prognósticos, pois partía como clara favorita. Porén, o bo estado de forma que evidenciaron nas últimas semanas os e as competidoras de APB da Laracha abriu unha porta ao cambio que enseguida se encargou de fechar Corredoiras sobre o terreo de xogo, xa que sumou un total de 64 puntos.

Con 61, en segunda posición, rematou unha sorprendente Lúa de Forza de Sanxenxo, mentres que o podio completouno Campo da Feira de Paiosaco con 59. APB só puido ser cuarta con 57.

Só a individual feminina, a infantil e a de varados escaparon do dominio de Corredoiras

Con respecto á modalidade por equipos feminina, que debutaba na competición, Corredoiras de Bueu foi quen de conquistar o campionato con só dúas xogadoras, grazas á extraordinaria actuación dunha Bego que sumou 10 puntos, complementados polos 3 de Chefa. Por detrás, Valpaços Terra Quente de Vigo (9), seguida moi de preto por Lúa de Forza (8).

Xa individualmente, 38 homes e mulleres optaron ao triunfo na categoría absoluta, na que despois dunha fase de grupos sen moitas sorpresas -só quedaron fóra dous dos oito cabezas de serie- chegaron á final a catro Abel Ponte (Campo da Feira), Roi (APB), Juan Carlos (Campo da Feira) e Beni (Corredoiras), impoñéndose este último.

Os únicos que puideron rachar co dominio de Corredoiras foron o antedito Juan Carlos na final de varados, Óscar García (Cochiqueiros) na infantil e Antía (Gharaboto) na feminina. 

Comentarios