Abegondo determinará o futuro do Deportivo

O conxunto branquiazul debe remontar dous goles en contra para ascender
A forza da parroquia branquiazul congregada na cidade deportiva de Abegondo promete ser un factor diferencial. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera A forza da parroquia branquiazul congregada na cidade deportiva de Abegondo promete ser un factor diferencial. (Foto: RC Deportivo).

O fútbol é o único deporte colectivo no que a muller galega non conta con representación na máxima categoría, unha anomalía á que pode pór fin o Real Club Deportivo da Coruña se logra remontar o 2-0 que lle endosou o Granada no partido de ida.

Disputado en territorio andaluz, a escuadra nazarí sacou petróleo da súa condición de local para obter un resultado que na teoría multiplica de forma exponencial as súas posibilidades de facerse coa única praza de ascenso á Liga F... sobre o papel.

Porque se algo caracteriza o fútbol, se algo leva aos seareiros e seareiras a desprazarse centos de quilómetros cada fin de semana ou a desembolsar cantidades astronómicas de cartos só para apoiar o equipo dos seus amores, é a imprevisibilidade. 

Encomendadas a ese factor, as futbolistas do Deportivo tratarán unha vez máis de anular a lóxica coa que se discorre fóra do deporte rei vencendo o Granada por tres goles de diferenza -ou por dous ao final do tempo regulamentario e da prórroga, logrando así subir debido á súa mellor clasificación na fase regular da Liga- grazas a ese "plus de enerxía" que suporá xogar ante o seu público, en Abegondo, o transcendental encontro de volta ás 12 horas de hoxe.

 "Temos que saír a dalo todo, non nos podemos deixar absolutamente nada. O club fixo todo para que teñamos o maior contexto de apoio posíbel para que, ademais de competir, poidamos darnos o luxo de gozar dun momento así", explicou en rolda de prensa a preparadora deportivista, Irene Paredes.

A adestradora ve "posíbel" completar a xesta, algo no que tamén cre o seu homólogo rival, Roger Lamesa, que salientou que na súa casa "o Dépor é, probabelmente, o equipo máis forte da categoría".

Branquiazuis e celestes, a conservar as súas vantaxes

Cambiando o fútbol feminino polo masculino, Deportivo e Celta B disputan o segundo partido da rolda inicial do play-off de ascenso á Segunda División coa confianza dos seus triunfos nos partidos de ida.

Os herculinos viaxan cun exiguo 1-0 ao seu favor a Castellón (mañá, 18 horas), unha praza historicamente complicada na que tan só se impuxo en dous partidos de 23. Pero, como se adoita dicir, a estatística está para rompela, e con esa finalidade traballa o técnico Rubén De la Barrera, quen desexa deixar atrás as pantasmas dos continuos fracasos do Dépor como visitante durante esta tempada.

"Teño confianza máxima tanto en min como nos futbolistas, por iso non imos saír a especular, senón a ser moi bos en ataque e en defensa, o que vén sendo un All-in para pasar si ou si, porque a tempada non pode acabar o domingo baixo ningún concepto", manifestou.

Ao sur do país, en Vigo, tamén están concienciados para volver co boleto para participar na finalísima do play-off do Estadi Nou Pepico Amat (hoxe, 19 horas), fogar dun Eldense ao que venceron por 3-2 na cidade olívica no primeiro partido.

"Estamos tranquilos, porque non temos demasiado que perder e si moito que gañar para alcanzar un obxectivo moi bonito e ambicioso co que non contabamos", manifestou o adestrador celeste, Claudio Giráldez.

Continúa a 'operación saída' no Real Club Celta

O Celta 'A' oficializou dun golpe as saídas de tres xogadores que contaron con moitos minutos na tempada que vén de baixar o pano na Primeira División: os cedidos Carles Pérez, Óscar Rodríguez e Haris Seferofić, que se unen a Santiago Solari e a un Hugo Mallo que dixo adeus nunha emotiva rolda de prensa na tarde de onte. E aínda que non é oficial, o técnico Carlos Carvalhal ten pé e medio fóra do club, fechando así unha etapa de sete meses á fronte do Celta.

Comentarios