A Copa 5x5 Deputación da Coruña de 2024 estréase no Parrote

O evento levará o balonmán a seis localidades máis.
O evento regresa logo do éxito da súa primeira edición. (Foto: deputación da Coruña).
photo_camera O evento regresa logo do éxito da súa primeira edición. (Foto: deputación da Coruña).

A disciplina anteriormente coñecida como 'balón a man'  volverá estar presente nas rúas de sete concellos do noroeste da Galiza co gallo da segunda edición da Copa 5x5 Deputación da Coruña, que pretende levar este deporte a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos dunha forma "lúdica e divertida".

A institución provincial salientou no marco dunha presentación que tivo lugar durante a cuarta feira na zona do Parrote (A Coruña), onde se reuniron, entre outros cargos, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o seu homólogo da Federación Galega da modalidade, Bruno López, que a primeira edición desta competición tivo "un éxito rotundo", pois non só participaron "máis de 1.600 deportistas, 60% das cales eran mulleres", senón que "a raíz dela naceron clubs de balonmán en Cerceda e Ribeira".

Con estas cifras, o regreso desta Copa 5x5 Deputación da Coruña era inevitábel, situándose a primeira parada do circuíto xa desde a cuarta feira na Coruña, onde até o 14 de abril estará no Parrote unha pista de mini-balonmán ao aire libre, con bancadas para 250 persoas para que familias, seareiros e seareiras poidan seguir en acción aos e ás máis pequenas.

A instalación dispón, ademais, de marcador electrónico, unha gran pantalla LED, megafonía, comentaristas e un dron para as tomas aéreas do evento, configurando "un gran espectáculo para toda a familia que poderá seguirse a través de Youtube.

Con respecto á programación, logo da cita na capital herculina a Copa 5x5 Deputación da Coruña porá rumbo a Zas (onde permanecerá do 26 a0 28 de abril), Sada (3 a 5 de maio), Negreira (10 a 12 de maio), Oroso (31 de maio a 2 de xuño), Cedeira (14 de xuño a 16 de xuño) e Ribeira (20 a 22 de xuño), onde baixará definitivamente o pano da competición.

Comentarios