O convenio do fútbol feminino podería asinarse "antes de marzo"

A patronal estima que o acordo chegará en 2024.
Beatriz Álvarez preside a Liga F. (Foto: Europa Press).
photo_camera Beatriz Álvarez preside a Liga F. (Foto: Europa Press).

A directiva da Liga F, a patronal da máxima categoría do fútbol feminino a nivel estatal e a única con carácter profesional, protagonizou un almorzo informativo cos medios de comunicación na segunda feira no que, como non podía ser doutro modo, un dos temas estrela foi o novo convenio colectivo.

Logo de que as xogadoras protagonizaran unha folga a mediados do pasado mes de setembro que accederon a desconvocar ante a promesa á súa representación sindical por parte da patronal de que accedería a subir o salario mínimo desde os 16.000 euros actuais até os 23.000 nun prazo máximo de tres anos, o vicepresidente da competición, Rubén Alcaine, estima que a sinatura terá lugar "antes de marzo" de 2024.

"Esa é a nosa intención, e cremos que non haberá demasiado conflito", dixo Alcaine. "A Listaxe de Compensación -unha serie de cláusulas relativas aos dereitos de formación que os clubs deben pagar para fichar xogadoras menores de 23 anos e que moitas das implicadas consideran abusivas por elevarse a cantidades de varios centos de miles de euros- queremos mantela e os sindicatos quitala, así que entendo que chegaremos a un punto intermedio no que non desapareza, pero tampouco sexa unha barra libre", apostilou.

Neste sentido, a máxima responsábel da Liga F, Beatriz Álvarez, recoñeceu que foron perdendo "comunicación" coas futbolistas nas últimas datas, e que esta non vai máis alá "do contacto individual". Por iso, anunciou o lanzamento dunha "oficina da xogadora", para que estas poidan contar "cunha canle máis fluída".

Non obstante, laiouse de ter que recortar o seu orzamento a causa da "resolución do Consello Superior de Deportes" pola cal chegará á súa fin a axuda coa que o organismo gobernamental apoiou a Liga desde 2020. 

Comentarios