Consello da Xunta

A 'Factoría do Deporte' do Celta en Mos, que a Xunta declarará "de interese autonómico", destruirá un acuífero que abastece a zona

O Consello da Xunta aprobou esta quinta feira a apertura do expediente para a declaración de interese autonómico do proxecto Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 que o Celta de Vigo quere levar a cabo en monte comunal en Mos. A iniciativa suporá a destrución de masa forestal e dun acuífero que abastece a zona, denuncia o coordinador da Comunidade de Montes de Tameiga, Gonzalo Pérez, en declaracións a 'Nós Diario'.
Aspecto de parte das infraestruturas que conformarían o complexo 'Galicia Sports 360'. (Foto: RC Celta)
photo_camera Aspecto de parte das infraestruturas que conformarían o complexo 'Galicia Sports 360'. (Foto: RC Celta)

O proxecto Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 é unha iniciativa promovida polo Real Club Celta de Vigo que suporá a construción dunha cidade deportiva, un centro de capacitación deportiva e un edificio que integrará espazos para a práctica do deporte e zonas de restauración en Tameiga (Mos).

"Ábrese agora un prazo [de tramitación do expediente] que se estenderá até setembro de 2023", explicou esta quinta feira o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno.

Destruír bens naturais

Para o coordinador da Comunidade de Montes do Tameiga, Gonzalo Pérez, esta decisión non é ningunha sorpresa. En conversa con Nós Diario, asegura que "desde un principio a Xunta, o Concello de Mos e o Celta de Vigo camiñan da man para sacar adiante o proxecto, antepondo os intereses dun empresario aos da veciñanza".

Pérez sinala que "é a mesma estratexia que o Goberno galego emprega cos eólicos; falan de interese público para esconder os verdadeiros obxectivos".

Coa declaración de interese autonómico, o Executivo galego poderá levar a cabo a expropiación de terreos veciñais "a prezo reducido" sen ter en consideración as alegacións presentadas por diferentes entidades sociais, ambientais ou na defensa da patrimonio. Ademais, segundo critica o comuneiro de Tameiga (Mos), suporá a destrución dun acuífero empregado desde hai 40 anos que abastece toda a veciñanza da zona sen ocasionar apenas gastos de distribución.

Asesoramento ao sector naval do país

Entre outros acordos tomados esta quinta feira no Consello da Xunta, figura a creación dunha oficina de asesoramento ao sector naval para acceder ás axudas da Unión Europea. Na rolda de prensa, Rueda sinalou que o obxectivo deste organismo será beneficiar "as empresas dun sector moi potente na Galiza e moi afectado pola crise".

O presidente do Goberno galego fixo referencia ao Perte (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) do Naval anunciado o pasado mes de outubro pola ministra de Industria, Comercio e Turismo do Estado español, Reyes Maroto, que prevé unha liña de axudas por valor de 200 millóns de euros que se lanzará neste mes de novembro. Aliás, Rueda tamén anunciou que a Xunta deseñará unha liña de axudas aos estaleiros.

Agrupar os complexos museísticos galegos

O Executivo galego tamén acordou constituír o Consello de Centros Museísticos da Galiza, unha medida que xa fora anunciada en xuño de 2021 ao abeiro da Lei 7/2021 de Museos. O órgano colexiado, adscrito á Consellaría de Cultura e Educación, encargarase de agrupar os máis de 90 museos de titularidade pública e privada en funcionamento actualmente na Galiza.

Defensa das axudas a 'El Correo Gallego'

Noutra orde de asuntos, e en resposta a preguntas dos medios de comunicación, Rueda manifestou a súa "absoluta tranquilidade" ante a investigación aberta pola UDEF a Editorial Compostela, empresa matriz de El Correo Gallego, que, segundo as pesquisas, seguía a recibir cartos públicos "que case nunca chegaban á caixa da empresa" mentres o persoal acumulaba até 24 mensualidades sen pagar das súas nóminas.

Comentarios