Rueda defende as axudas da Xunta a 'El Correo Gallego' que investiga a UDEF: "Están xustificadas"

O presidente galego expresa a súa "absoluta tranquilidade" ante a investigación aberta á editora do xornal, que, segundo as pesquisas, seguía a recibir cartos públicos "que case nunca chegaban á caixa da empresa" mentres o persoal acumulaba até 24 mensualidades sen pagar das súas nóminas.
Alfonso Rueda, esta quinta feira, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo galego. (Foto: Xunta)
photo_camera Alfonso Rueda, esta quinta feira, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo galego. (Foto: Xunta)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, defendeu esta quinta feira as axudas e créditos que se autorizaron para Editorial Compostela, empresa matriz do xornal El Correo Gallego, co argumento de que todas as axudas que aproba o Executivo galego "son xustificadas".

En consecuencia, manifestou a súa "absoluta tranquilidade" ante a investigación aberta á editora. Rueda defendeu que "todas as axudas" que dá a Xunta están "xustificadas, avaladas e concedidas desde un punto de vista obxectivo". "Absoluta tranquilidade e pouco máis que engadir", aseverou. A continuación, matizou que "unha cousa é a concesión da axuda e outra a posterior evolución da empresa". "Pero a concesión está absolutamente xustificada", resolveu.

Neste senso, fontes xudiciais confirman que o Xulgado de Instrución número 3 de Santiago investiga delitos de branqueo de capitais, administración desleal e insolvencia puníbel en relación a Editorial Compostela. Con todo, non se citou a declarar ningunha persoa en calidade de investigada polo de agora.

O xornal elDiario.es publicou a primeira hora da xornada unha información na que revela que a Unidade de Delitos Económicos e Fiscais da Policía Nacional (UDEF) leva meses investigando José Manuel Rey Novoa, cabeza visíbel do Grupo El Correo Gallego.

Segundo apunta o dixital, os investigadores sospeitan que, mentres os traballadores acumulaban falta de pagamentos nas súas nóminas de até 24 mensualidades, o xornal seguía recibindo diñeiro público —da Xunta, a CRTVG ou o Concello de Santiago— que "case nunca chegaba á caixa da empresa".

No foco estaría, entre outras cuestións, un crédito de 2,5 millóns de euros que acordou conceder a empresa XesGalicia en setembro de 2018, cando Alberto Núñez Feixoo aínda dirixía o Goberno galego.

Segundo esa mesma información, o actual vicerpesidente segundo da Xunta, Francisco Conde, e o candidato popular á Alcaldía de Santiago, Borja Verea, daquela alto cargo na Xunta, estaban nesa reunión e votaron a favor.

Comentarios