A chave, o deporte que abrazan os 'millenial', busca afianzarse en 2024

'Nós Diario' indaga nos segredos da disciplina de cara á próxima tempada.
A idade media das persoas que compiten en chave está agora "entre os 30 e moitos e os 60 e poucos anos en 80% dos casos".  (Foto: FGDA).
photo_camera A idade media das persoas que compiten en chave está agora "entre os 30 e moitos e os 60 e poucos anos en 80% dos casos". (Foto: FGDA).

A competición de chave federada baixou o pano na Galiza a principios do pasado mes de novembro, e agora, como explica para Nós Diario o secretario da Federación Galega de Deporte Autóctono (FGDA), David Castelo, é o momento de cambiar os pellos polas follas de cálculo e as bases de datos para "levar a cabo toda a parte administrativa e burocrática" de cara ao feche da tempada 2023 e inicio da 2024.

Nesta modalidade, ao contrario do que acontece en boa parte dos deportes competitivos -incluído a billarda, que tamén se atopa baixo o paraugas da FGDA-, os torneos non se desenvolven entre, aproximadamente, os meses de setembro e xuño, senón que se adaptan ao ano natural. 

A razón de comezar en xaneiro e rematar en novembro -cunha parada en agosto- é totalmente "administrativa", segundo revela Castelo, pois "de cara aos papeleos, por exemplo das subvencións ou dos seguros, facilita moito a cousa, xa que sempre piden que as xustifiques con facturas do ano no que te atopas".

Ollando a inminente campaña 2024, para a cal xa están axustando "orzamentos, calendarios e datas", e que como vén sendo habitual arrancará en xaneiro, o tamén xogador -un dos máis destacados do panorama galego- e presidente do club San Cristóbal da Coruña non oculta o seu optimismo, salientando que "deportivamente, a chave está mellor que nunca". 

"No referente á participación -engade- , é dicir, a nivel de licenzas, penso que imos medrar a pesar de que un equipo se deu de baixa, pero os seus membros continuarán vinculados a outros conxuntos". 

Cuestionado sobre se tivo lugar unha remuda xeracional que contribúa a desterrar definitivamente o tópico de que a chave é unha disciplina de xente maior -cando non directamente anciá-, o secretario da Federación Galega de Deporte Autóctono responde afirmativamente: "A media de idade das licenzas baixou moitísimo. Cando antes a maioría de xogadores eran xente xubilada, ou moi próxima á xubilación, agora mesmo estamos chegando a un público que reponde a un perfil de persoa que busca un deporte menos físico que, por exemplo, o fútbol, estando aproximadamente 80% delas entre os 30 e moitos e os 60 e poucos anos".

Este achegamento da xeración millenial á chave obedece, ademais de á relativa ausencia de barreiras de entrada a nivel de esixencia en comparación con outras modalidades máis populares como o antedito fútbol ou o baloncesto, a unha característica única que David Castelo pon en valor: "Temos máis canchas que equipos".

"Somos uns privilexiados, porque a pesar de que por proximidade xeográfica moitas escuadras poderían compartir pista, non é necesario que o fagan, porque hai de sobra", di. Non obstante, non é ouro todo o que reloce, e o máximo responsábel do San Cristóbal tamén denuncia que moitas necesitan un "mellor mantemento" non só por razóns deportivas, senón tamén "por seguridade".

"Todas as canchas deberían contar cunha estrutura semicuberta polo menos nas zonas de recollida e tiro, porque lanzar coa man mollada pode ser perigoso para os viandantes e para os propios competidores", conclúe. 

Comentarios