Entrevista

David Castelo, chaveiro: "Queremos que a chave pase de ser xogo a deporte"

David Castelo Franqueira leva a chave moi dentro. É o mellor chaveiro no que vai de tempada e, ademais, é secretario da Federación Galega de Deporte Autóctono e presidente do San Cristobal da Coruña. En conversa con Nós Diario recoñece as dificultades que está a ter esta disciplina para adaptarse á nova realidade.
O presidente do San Cristóbal de chave, David Castelo (Foto: Nós Diario).
photo_camera O presidente do San Cristóbal de chave, David Castelo. (Foto: Nós Diario)

—Como se está desenvolvendo a competición esta tempada? 
Este ano a Federación Galega de Deporte Autóctono decidiu, como se incorporaron tres equipos novos, facer grupos de dez polo que agora hai máis competitividade. Foi un acerto e unha axuda para todos os equipos, sempre xogas cos do teu mesmo nivel.

Ademais, baixando o número de xornadas deu pé a poder realizar algún torneo máis. Un exemplo é o Campionato galego por parellas que realizaremos o 18 de marzo. Tamén o 29 de abril terá lugar a Supercopa. Gañou en flexibilidade e competitividade.

—Que outros cambios houbo?
Este ano creouse unha categoría nova. O ano pasado había División de Honra e Primeira para pasar a dividir esta última en A e B. A idea é que o ano vindeiro sexamos, ademais de División de Honra, Primeira e Segunda División. Esta última categoría estará formada polos cinco últimos equipos da Primeira A e B deste ano. Aínda non sabemos se se incorporarán máis clubs, se acontecese incorporaríanse nesta última categoría.

—Cal é a razón deste incremento de clubs?
Falamos da liga federada, con actividade ordinaria. Este ano comezaremos a traballar a promoción coa modalidade do Grove, que xa está regulada oficialmente, e a modalidade do Morrazo, que este ano tamén entrará. Ambas as dúas contarán coa súa liga este verán.

Ademais, na zona da Coruña hai outra liga organizada pola Federación de Peñas e algunhas delas pediron federarse. No aumento de equipos creo que ten que ver o traballo que realizamos coas retransmisións pola TVG. Alén diso, sae máis económico unha licenza federativa que unha da lida de peñas.

—Podemos dicir que nun futuro haberá máis competicións oficiais?
Nós estamos abertos a todo. Hai outras dúas modalidades, a de Santiago e a de Ferrolterra, coas que aínda non estamos en contacto. Foinos máis sinxelo ter relación coas do Morrazo e O Grove ao contar tamén nesas zonas con equipos de billarda e ter antes información federativa. 

A actual federación é de recente creación e comezamos o traballo de arranque en 2022. Nós o que queremos é que se pase de ser un xogo  a ser deporte, que haxa deportistas en vez de xogadores. 

Temos a dificultade de que isto se entenda nas asociacións veciñais ou nas agrupacións rurais que é onde se xogaba á chave. Pouco a pouco teremos que ir pelexando por ese camiño. Se estivemos loitando para que sexa un deporte teremos que seguir coa normativa até o final.

—En que situación están as canchas de chave? O seu propio equipo tivo problemas que aínda están por resolver.
Antes, case todas as instalacións de chave estaban nas leiras traseiras dos bares ou das asociacións veciñais. Agora, coa humanización das cidades e dos barrios moitos fecharon.

A gran maioría de canchas, na actualidade, son municipais. Por este motivo o seu mantemento é público. No caso do San Cristóbal tivemos o problema de que se realizou en 1985 en terreos municipais mais sen estar recoñecida a instalación no Concello.

O equipo non podía arranxar a cancha por non ser súa nin o Concello podía investir diñeiro nela ao non estar recoñecida como cancha municipal. Agora aprobouse un orzamento e temos o compromiso que onte mesmo se anunciou no pleno municipal da Coruña de que se entregará a cancha este mesmo ano para o seu uso.

O referente do San Cristobal da Coruña

A chave federada é a modalidade que se xoga na zona da Coruña. Xógase a catro pellos, seis xogadores por equipo e unha distancia de 14 metros, e cada vez que se lle dá a chave vale un punto. A chave do Morrazo conta a mesma distancia e puntuación mais ten aspas. A chave do Grove, pola contra, xógase por parellas e tírase desde 11 metros seis pellos, cunha  puntuación determinada cada aspa.

Nas competicións da federación, coa modalidade da Coruña, o equipo referente é o San Cristóbal. O seu presidente, David Castelo Franqueira, vai en cabeza esta tempada como mellor chaveiro e o seu equipo lidera a clasificación. O segredo, segundo explica a Nós Diario, é a canteira por contar con dous equipos. Desde 2010 dominan o panorama da chave, gañando nos últimos once anos de maneira continuada a liga e a copa oficiais.

Comentarios