O Celta resucita o Athletic

Mal encontro dos celestes, que após a derrota cos bilbaínos (1-2) pasan á zona perigosa da táboa.

celta athletic
photo_camera Foto: Athletic

“No Aspas, no Party”. Presumíase que ausencia do de Moaña ía ser unha lousa para o Celta, que ten nos goles do canteirán o seu principal manancial de vitorias, mais fronte ao Athletic constatouse que o baleiro que deixa o dianteiro é demasiado grande. Non só polos goles mais tamén pola actitude e espírito que Iago Aspas transmite no campo ao conxunto da equipa. Un coronel sobre o céspede.

O Celta caeu na casa perante o Athletic (1-2) nun pésimo partido dos celestes, sobre todo na primeira metade. Cardoso apostou en cubrir o oco de Aspas armando tres mediocentros e con Beltrán encargado de facer a presión elevada sobre o rival. Non funcionou. O Athletic xogou, embora a presión da súa situación en postos de descenso, máis cómodo que o Celta. Os celestes semellaron perdidos durante boa parte do encontro, onde os regates en terra de ninguén de Boufal foron dos poucos síntomas de vida na escuadra celeste. “Non tivemos a actitude que facía falla”, recoñeceu o propio Cardoso ao finalizar o partido.

Os bilbaínos foron a polo partido. O Celta parecía estar aínda no parón natalicio. O gol temperá de Muniaín descolocou aínda máis os de Cardoso, que non se deron recomposto. O gol do empate, de Beltrán, equilibraba a balanza de cara á segunda parte. Nesta saíron máis enchufados os celtistas, mais o gol de Willians (para arroibar os celestes)  desbaratou o plan e volveu situar os bilbaínos ao mando. No tramo final, e a pesar da oportunidade final de Maxi Gómez, estivo máis perto o terceiro dos vascos que o segundo dos galegos. O celta, pois, complícase a si propio e o Athletic sae da zona de descenso após conseguir en Balaídos a súa primeira vitoria fóra de casa.

Ficha técnica:

RC Celta (1): Rubén; Hugo Mallo, Cabral, Araujo, Juncà; Lobotka (Pione Sisto, min 62), Beltrán (Hjulsager, min 79), Okay Yokuslu; Brais Méndez, Boufal (Eckert, min 73) e Maxi Gómez.

Athletic Club (2): Herrerín; Capa, Núñez, Íñigo, Yuri; Dani García (San José, min 75), Beñat; Susaeta, Muniain, Córdoba (Balenziaga, min 88) e Williams (Aduriz, min 66).

Goles: 0-1 Muniaín, min 19; 1-1 Beltrán, min 45; 1-2 Williams, min 53.

Árbitro: Juan Martínez Munuera, do comité valenciano. Amoestou Okay e Hugo Mallo (RC Celta), e Williams, Córdoba, Dani García, Aduriz e Muniaín. (Athletic Club).

Máis en DEPORTES
Comentarios