Celta e Lugo comezan a Liga con máis dúbidas que certezas

O rendemento de ambos conxuntos na primeira xornada é unha incógnita. O Deportivo, pola súa parte, preséntase en Riazor no Teresa Herrera máis polémico.
As oportunidades de vitoria celeste pasan, un ano máis, polas botas dun Iago Aspas en estado de graza. (Foto: RC Celta).
photo_camera As oportunidades de vitoria celeste pasan, un ano máis, polas botas dun Iago Aspas en estado de graza. (Foto: RC Celta).

É inevitábel ter a sensación de que o fútbol cada vez comeza antes, porque é rotundamente certa. Se a presente tempada (2022/23) arrancou xa no día de onte, 12 de agosto, cun Osasuna-Sevilla, hai 10 anos (2012/13) facíao case unha semana máis tarde, o 18 de agosto. E hai 20 (2002/03) as primeiras patadas ao balón na Primeira División adiáronse até o 31 de agosto, mentres que na 92/93 o partido inaugural non chegou até o 9 de setembro, case un mes máis tarde que na actualidade.

Iso provoca situacións anómalas, como que os equipos disputen partidos oficiais sen ter totalmente definidos os seus cadros de xogadores, xa que o mercado de traspasos non baixa a persiana até o 1 de setembro.

Tanto Celta de Vigo como Club Deportivo Lugo, de novo os únicos representantes da Galiza na elite, son vítimas desta deriva no fútbol profesional, pois ambos os conxuntos aínda teñen moitas operacións por diante -tanto altas como baixas-, o que levará a que os onces que presenten nesta primeira xornada poidan variar sensibelmente con respecto aos da cuarta data.

Así, a escuadra celeste debuta na Liga (hoxe, 17 horas) nun Balaídos aínda en obras ante un galeguizado Espanyol no que destacan dous galegos, Diego Martínez no banco e no ataque o goleador Joselu, descartado polo presidente do Celta pola súa idade, 32 anos. Ademais, nas filas pericas tamén están o ex celeste Sergi Gómez e Edu Expósito, que xogou no Dépor entre 2015 e 2019.

Se non hai novidades de última hora, o Chacho podería formar con Marchesín; Hugo Mallo, Unai Núñez, Aidoo, Galán; Fran Beltrán, Óscar Rodríguez, Carles Pérez, Cervi; Paciencia e Aspas.

O Lugo, pola súa parte, tras unha cómoda salvación que fixo del o decano da Segunda División e de dicir adeus aos seus tres capitáns, presenta no Ángel Carro (segunda feira, 19.30 horas) a proposta de Hernán Pérez, substituto no banco albivermello do técnico do seu primeiro rival, o Albacete de Rubén Albés. A diferenza do Celta, tratar de prognosticar un once do Lugo sería como tirarse a unha piscina sen saber se hai auga.  

O Deportivo preséntase en Riazor no Teresa Herrera máis polémico

O desleixo por parte do Real Club Deportivo co Trofeo Teresa Herrera, decano dos torneos de verán e outrora coñecido como "a gran festa do fútbol galego", deveu nunha progresiva decadencia desde comezos do presente século que se agudizou durante os tres últimos anos. Nesta ocasión (hoxe, 20.30 horas), á escasa entidade futbolística do rival, o Metalist de Kharkiv -ascendido á máxima categoría ucraína hai dous meses-, engádese a polémica polo indisimulado nazismo dos Simmer Polecats Crew, o sector máis radical da súa afección, o que levou os Riazor Blues a boicotear o torneo e a anunciar que non estarán nas súas bancadas de Marathón Inferior. Dúas horas e media antes, ás 18.30, o Dépor Abanca xogará o Teresa Herrera  feminino contra o Familicão portugués.  

Comentarios