PREVIA XORNADA LIGUEIRA

O Celta, a loitar contra a historia e a estatística

Volve o fútbol de Primeira División logo da parada imposta polas seleccións nacionais, e iso significa que o Celta de Benítez regresa á actividade. Na categoría de prata, o Rácing de Ferrol desexa seguir conservando o seu invicto na Segunda, mentres que os galegos da Primeira Federación chocan con duros rivais. 
O triunfo celeste máis recente sobre os baleares foi en 2022, nun vibrante 4-3 que se decidiu cun penalti de Aspas no tempo engadido. (Foto: RC Celta).
photo_camera O triunfo celeste máis recente sobre os baleares foi en 2022, nun vibrante 4-3 que se decidiu cun penalti de Aspas no tempo engadido. (Foto: RC Celta).

O Real Club Celta de Vigo regresa hoxe á acción (Balaídos, 18.30 horas) despois da parada imposta polos compromisos das diferentes seleccións nacionais, e faino coa intención de sumar o seu segundo triunfo consecutivo ante un rival propicio, o Real Club Deportivo Mallorca.

A escuadra balear aínda non sabe o que é a vitoria esta tempada, logo de sumar dous empates e outras tantas derrotas no que vai de tempada. Porén, faría mal o conxunto celeste en confiarse, pois alén dunha solidez acreditada a pasada campaña e que caracterizou sempre os equipos dirixidos polo seu adestrador, o veterano Javier Aguirre, o Celta só conseguiu derrotar o Mallorca unha vez nos últimos 15 anos.

Foi, concretamente, o 6 de marzo de 2022, cando nun partido tolo que rematou 4-3 Iago Aspas desequilibrou a balanza cun gol de penalti no tempo engadido. Dos 14 xogadores que saltaron ao céspede de Balaídos aquel día só fican na entidade olívica o propio Aspas, Joseph Aidoo, Fran Beltrán, Cervi e Tapia, o que dá unha idea da profunda renovación que vén sufrindo un Celta que da man de Benítez opta a recuperar a senda do éxito que perdeu logo da marcha de Berizzo no 2017. 

O técnico madrileño explicou na rolda de prensa previa ao partido que aínda que a súa intención é "competir en cada partido", o proxecto que comanda "é de tres anos", polo que pediu paciencia "con futbolistas novos que medrarán durante o ano". 

O once do madrileño estará condicionado polas lesións de Cervi e Carles Pérez e os problemas físicos dos internacionais, como Aidoo ou Luca De la Torre, quen volveu dos Estados Unidos cunha fractura no nariz e poderá xogar, aínda que portando unha máscara protectora.

Por iso, e aventurando que continuará apostando por cinco homes na defensa, Benítez podería xogar con Iván Villar; Mingueza, Starfelt, Unai Núñez, Carlos Domínguez, Manu; Beltrán, Sotelo, Bamba, Aspas e Larsen. 

O Rácing quere a seguir explotando o factor sorpresa

O Rácing de Ferrol é por pleno dereito o equipo revelación na Segunda División. Os únicos invictos xunto con Zaragoza e Espanyol, dous dos máximo favoritos ao ascenso directo, os de Cristóbal Parralo queren continuar explotando ese factor sorpresa mañá contra o Eibar (Ipurua, 16.15 horas), un conxunto deseñado para cotas maiores que para sorpresa xeral ocupa a posición de fechacancelas logo das cinco primeiras xornadas.

Dirixido polo lendario Joseba Exteberria, o ex futbolista do Athletic de Bilbao terá que facer equilibrios abracadabrantes para lograr configurar unha defensa de garantías, xa que o único zagueiro dispoñíbel que ten é Anaitz Arbilla, logo da lesión de Venancio, a sanción de Berrocal e a falta de tempo para aclimatarse dun Stefan Simic fichado hai tres días e que non aterrou con bo pé en Eibar, xa que o checo contaba cunha conta en Twitter -ou X-, xa eliminada, inzada de comentarios anti LGTBQ+ ou defendendo as políticas do ex presidente norteamericano Donald Trump.

Xa que logo, os atacantes verdibrancos deberían ser quen de sacar petróleo desta situación e  continuar prolongando unha Racingmanía que levou a que a cifra de socios e socias estea a piques de chegar ás 8.000.

Partidos complexos para os galegos na Primeira RFEF

As catro escuadras da Galiza na Primeira Federación encaran a cuarta xornada de Liga, competindo hoxe o Arenteiro ante o Real Unión de Irún ás 19.30 en Espiñedo e o Deportivo contra Unionistas ás 21.30 horas no Raíña Sofía de Salamanca. Mañá será a quenda do Raio Maxadahonda-Celta Fortuna (Cerro del Espino, 18 horas) e do Lugo-Ponferradina (Ángel Carro, 19.30 horas). 

Comentarios