O Celta incorpora un dianteiro e o Dépor fracasa no seu intento de fichar un mediocentro

O Celta faise co avanzado arxentino Lucas Boyé -ha facer 22 anos a finais deste mes-. É un empréstimo do Torino polo que fica de temporada. 

LBoyé
photo_camera Lucas Boyé [Foto: CeltaVigo.Net]

O Celta aspira a reforzar a equipa para escalar aínda máis na táboa (é sétimo clasificado) e gañar unha praza na Europe League para a próxima campaña. O Deportivo cobizaba tamén mellorar o plantel, mais cun obxectivo ben distinto: o de manter a posición na elite do futebol estatal e non voltar a caír no averno da Segunda División.

O Celta conseguiu o seu obxectivo (proposta directa do treinador Juan Carlos Unzué) e o Deportivo, lastrado pola falta dun director técnico após a marcha no meio da temporada de Richard Barral, aínda non substituído, non.

Lucas Boyé -a incorporación celeste- chega a Vigo para o que fica de temporada. O clube celeste asume a súa ficha, por volta dun millón de euros. E obtén tamén unha opción de compra polo dianteiro, cifrada en 12 millóns. Boyé quería abandonar Turín porque apenas tiña opcións de facer parte do once inicial. No que vai de curso disputou apenas 141 minutos en liga e 49 en copa.

Boyé é -após a do lateral zurdo Robert Mazan- a segunda fichaxe céltica nesta xanela invernal. Os que fixeron o camiño inverso, os que abandonaron Balaídos, son John Guidetti, rumo ao Alavés; o canteirán Iván Villar, gardamallas, ao Levante; e o mediocentro dinamarqués Andrew Hjulgajer, ao Granada.

Sen mediocentro defensivo en Riazor

O fechamento do mercado non trouxo as boas noticias agardadas nos despachos da Praza de Pontevedra. O Dépor non deu concretizado a incorporación dunha peza que quer desde a área executiva quer desde a técnica se xulga esencial para mellorar as prestacións da equipa, en postos de descenso e con 46 goles encaixados en 21 partidos. Non chegará polo de agora o desexado medio-centro defensivo. No se desbota que o faga, aliás, nas próximas datas, mais xa se trataría dun axente libre -un futebolista sen equipa actual, no desemprego. Esa é a última bala na recámara. Mais é certamente raro acertar con xogadores que están fóra de ritmo e de competición. A fichaxe do avanzado holandés Ryan Babel en setembro de 2016 -chegou algo fondón, mais non demorou en alcanzar a forma- é a excepción que confirma a regra.

O mercado invernal saldouse para o Deportivo coa incorporación dun gardamallas, o ucraíno Maksym Koval, aínda inédito; un lateral-central, Eneko Bóveda, que xa disputou minutos contra o Levante; e un centrocampista ofensivo, o dinamarqués Michael Krohn-Dehli, probábel novidade branquiazul no choque desta sexta feira en Donosti contra a Real Sociedade. As saídas de Riazor foron o meta romanés Pantalimon e o interior portugués Bruno Gama.

Comentarios