CELTA-REAL MADRID

O Celta estrea os 100 anos de vida coa baixa de Gabri Veiga

O partido que enfronta o Celta co Real Madrid hoxe en Balaídos está marcado polo ambiente festivo, pois nas súas horas previas levaranse a cabo concertos e outras actividades conmemorativas do centenario celeste. Porén, unha nube de tristura pola inminente marcha de Gabri Veiga sobrevoa os fastos olívicos.
Veiga xa non se vestirá de curto e o da primeira xornada puido ser o seu último partido como celeste.  (Foto: RCCelta).
photo_camera Veiga xa non se vestirá de curto e o da primeira xornada puido ser o seu último partido como celeste. (Foto: RCCelta).

O novo Celta pos centenario comeza a súa andaina no día de hoxe nin máis nin menos que ante o poderoso Real Madrid (Balaídos, 21.30 horas).

Alí o que suceda sobre o tapete non acaparará en exclusiva o protagonismo, xa que antes do encontro os exteriores do coliseo celeste estarán inzados de actividades, con especial énfase nos pícaros e pícaras, que terán á súa disposición inflábeis, animadoras, postos de maquillaxe facial, espectáculos varios...

Despois, a música collerá a remuda e Dakidarría e Keltoi! animarán os milleiros de persoas que prometen ocupar todos os asentos dun Balaídos que, xa no seu interior e nos intres anteriores ao comezo do xogo, asistirán a un espectáculo de luces ao ritmo da Oliveira dos Cen Anos composta por C. Tangana. 

Quen se perderá a festa será o canteirán Gabri Veiga, que non entrou na convocatoria feita pública por Rafa Benítez. Agora si, parece que está por escribirse o último capítulo do guión do principal culebrón do mercado futbolístico estival.

Como se adiantou nestas mesmas páxinas de Nós Diario, non habería novidades até que quedara atrás a efeméride do 23 de agosto, pero unha vez superada semella cuestión de horas o feche definitivo do traspaso da gran perla galega.

E non será a un dos grandes clubs do continente, senón a un conxunto saudita, o Al-Ahli, que ademais de ofrecerlle ao xogador un contrato cun número de ceros que non obtería en ningún conxunto europeo, deixaría nas arcas do Celta aproximadamente 35 millóns de euros, que debería investir en reforzar todas as liñas se non quere pasar apuros a final de tempada.

Porque sen o seu talento no medio do campo, nin a súa achega ofensiva -con 11 goles foi o segundo máximo realizador olívico a pasada campaña-, o Celta perde un factor diferencial que pode notar especialmente ante equipos tan sólidos como o Real Madrid de Carlo Ancelotti. Un dos seus homes, o alemán Toni Kroos, cualificou de "vergoñenta" en redes sociais a marcha de Veiga ao emerxente fútbol saudita.

Comentarios