Dous goles de Gabri Veiga garanten a permanencia do Celta en Primeira

A vitoria do Celta ante o Barcelona certifica aos celestes na elite do fútbol.
Equipo e bancada do Celta celebran a permanencia en primeira división despois de gañar ao Barcelona en Balaídos (Foto: RC Celta).
photo_camera Equipo e bancada do Celta celebran a permanencia en primeira división despois de gañar ao Barcelona en Balaídos. (Foto: RC Celta)

Dous goles de Gabri Veiga deron este domingo a vitoria ao Celta ante o Barcelona. Unha vitoria que deixaba ao equipo galego na Primeira División. "A gran noite do celtismo. Viñamos buscándoo hai tempo. Meréceo a miña familia, a miña noiva, os meus amigos. Moita alegría", comentaba o protagonista da noite ao rematar o partido.

Avisaba o futbolista da canteira celtiña xa no minuto tres, no que un disparo seu obrigaba a Ter Stegen a voar. Pouco despois, no minuto 11, a traxedia parecía chegar a Balaídos, mais o gol de Kessié era anulado por fóra de xogo.

O Celta defendía ordenado no seu campo, a grada consultaba os resultados nos seus dispositivos móbiles, e un gol de Óscar Rodríguez era anulado para os celestes no minuto 41. Porén, dous minutos despois, Veiga internábase na área dos cataláns e cun disparo coa dereita axustado ao pao puña o primeiro gol no marcador.

Así chegaba o final da primeira metade, cun Celta salvado e moito por xogar. Minutos despois, no 49, un gol do Espanyol deixaba momentaneamente ao Almería en segunda división. A tensión seguía predominando en Vigo e nas peñas celtistas do país.

O empate do Almería no 59 deixaba de novo ao Valladolid en segunda mentres os corazóns celestes seguían a sufrir. Mais un fío de tranquilidade chegaba no minuto 66, cando un centro de Gabri Veiga remataba por colarse nas redes de Ter Stegen. O galego bicaba o escudo emocionado celebrando un gol que lles achegaba ao obxectivo.

"O segundo, a verdade é que tiro un centro ao segundo pau", recoñecía Veiga tras o partido. Non obstante, tan só minutos despois, tras sufrir unha entrada, Veiga víase forzado a deixar o campo lesionado. O xogador abandonou o campo nunha ovación preciosa por parte da grada de Balaídos convertido no heroe da noite.

Outro gol do Espanyol no 73 convertía o Almería de novo en equipo de segunda división mentres a bancada viguesa respiraba con alivio grazas aos dous goles de vantaxe. Mais os nervios volverían no 79, pois un gran centro de Dembelé era enviado ao fondo das redes celestes por Ansu Fati.

Mentres Gabri Veiga non paraba de tremer no banco, un gol do Almería no 88 enviaba de novo ao Valladolid a segunda. O control da posesión era total para o Barcelona, mais a defensa galega aguantaba estoica para permanecer na Primeira División.

As queixas de xogadores, do público e dos telespectadores galegos sonaron a un tempo cando viron chegar o cartel do desconto, con seis minutos máis de sufrimento. Os celtistas non aguantaban máis, extenuados pola férrea defensa do resultado. Mais chegou o asubío final e os dous goles de Gabri Veiga aseguraban a permanencia. O Celta segue a ser de Primeira un ano máis.

Comentarios