FúTBOL

O CD Seixalbo disputa un encontro amigábel internacional en homenaxe á emigración

O CD Seixalbo mídese fronte ao ONE B de Vevey (Lausanne, Suíza) nun partido amigábel que terá lugar este sábado ás 17h e que contempla actos ao longo do día.

partido internacional-2

O campo do Carqueixal acollerá na tarde deste sábado un encontro amigábel de carácter internacional que enfrontará o CD Seixalbo e mais o ONE B de Vevey (Lausanne, Suíza). Trátase dun partido co que o club galego homenaxeará a emigración.

“No século pasado eran miles de galegos que emigraron ao redor do mundo, deixando todo atrás, tal como Rosalía de Castro escribiu: “¡Adios groria! ¡Adios contento! ¡Deixo a casa onde nacín, deixo a aldea que conozo por un mundo que non vin! Deixo amigos por estraños, deixo a veiga polo mar, deixo, en fin, canto ben quero... ¡Quen pudera non deixar!” , recolle o club nunha nota de prensa.

“Se a emigración galega non existise, este encontro posibelmente tampouco se disputaría”, engade o club que preside David Rodríguez, que persegue con este partido “renderlle unha lembranza a tantos veciños e veciñas que deixaron amigos por estraños e un mundo que coñecían por outro que xamais viran, todo iso nuns tempos difíciles e duros”.

Programa da xornada

O de hoxe non é un encontro de fútbol sen máis. Compleméntase cun intenso programa que se desenvolverá ao longo da xornada e que comezou ás 8.45h, coa chegada do equipo suízo ao aeroporto de Compostela, continuou ás 10.30h cun almorzo de benvida e segue cunha recepción oficial das autoridades no Concello de Ourense. Após o partido, que terá lugar ás 17h, está convocada unha reunión coa veciñanza no Carqueixal.

O Seixalbo de fútbol naceu hai 74 anos. En 1969 federouse, logrou campionatos, ascensos… E o ano pasado un grupo de mozos uniuse para refundar un club que levaba desaparecido 29 anos.

Comentarios