Carla Carrón, campioa estatal de natación: "Impacta competir nunha final rodeada das mellores"

O de Carla Carrón (Compostela, 2005) é un deses nomes que prometen deparar moitas alegrías á afección galega no futuro. Porén, neste caso a frase "o mañá é agora" torna nunha rotunda realidade que vai moito máis alá do tópico, pois esta nadadora de tan só 16 anos xa é toda unha campioa estatal absoluta.
A galega é a mellor do Estado nos 400 e nos 800 metros libres. (Foto: Fegan).
photo_camera A galega é a mellor do Estado nos 400 e nos 800 metros libres. (Foto: Fegan).

Como foi o seu primeiro achegamento ao deporte da natación e cando tomou consciencia de que destacaba no mesmo? 

Eu cando era unha nena vivía nun edificio, pero un día mudámonos a unha casa que estaba xusto fronte á piscina, e como se daba a circunstancia de que era unha nena hiperactiva, a miña nai decidiu meterme nos cursos de natación que organizaban alí. Foi nese momento cando un adestrador do club reparou en min e me comentou de ir con eles, e así comezou todo. Nese momento tiña sete anos, pero non sería até os 11, sendo alevín, cando comecei a destacar.

E cinco anos despois está na elite da súa disciplina. Nos pasados Campionatos de España de Inverno gañou dúas medallas de ouro, nos 400 e nos 800 metros, e quedou a só tres centésimas da mellor marca estatal na súa idade. Chegaba sabendo que era candidata ao título ou foi unha sorpresa até para vostede mesma?

Neste campionato recoñezo que foi unha sorpresa, para nada pensaba que ía estar nos tempos que fixen. Foi distinto no anterior no que participei, que foi nas Canarias, porque xa coñecía as rivais.

Porque nese último as súas adversarias eran, exclusivamente, mulleres da súa idade, a diferenza do torneo de Palma, onde se enfrontou con competidoras xa formadas. Como é competir sendo júnior con nadadoras de categoría absoluta?

Neste deporte non é raro competir absolutas con júniors. O que si me impactou foi o que vivín na final, porque nunca nadara nunha absoluta na rúa central. Foi unha sensación xenial, verte aí, entre as mellores, sabendo que te está mirando todo o mundo... foi súper guai (ri).

Non moito antes, en verán, non só se fixo co Campionato Galego, senón que pulverizou o récord da Galiza co seu rexistro de 4.19.21 nos 400 metros libre, que logo palidecería ante o 4.07.55 que asinou en Palma de Mallorca no Estatal de novembro. Como se consegue unha progresión tan impresionante en pouco máis de tres meses?

Hai que ter en conta que de larga a curta é bastante máis doado baixar os tempos, pero levaba moitísimo sen competir en curta a estes niveis, entón tamén foi positivo recuperar esas sensacións.

Que implican á hora de competir as diferenzas entre un e outro formato competitivo?

En curta hai máis viraxes, o que fai que vaias máis rápido, así que normalmente as piscinas con menos distancia adoitan ser máis rápidas. 

Fóra dos campionatos, vostede é bolseira no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Como é o día a día na vida de Carla Carrón? 

Segundas, cuartas e sextas adestro tanto pola mañá como pola tarde, e polo medio teño clase. É dicir: tres horas de escola, adestramento, volta ás clases outras dúas horas, xantar e máis adestramento. Aínda que terceiras e quintas só temos adestramento pola tarde, así que facemos dúas horas máis de clase. É un pouco duro, pero levo aquí xa tres anos e todo é cuestión de acostumarse. 

Volvendo á piscina, vostede compite nos 200 metros, nos 400, nos 800... cal é a súa disciplina favorita? Pensa que non futuro se especializará nalgunha en concreto ou tratará de seguir sendo unha competidora polivalente?

As miñas favoritas son o 200 e o 400, porque son as probas coas que levo nadando máis tempo, téñoas máis dominadas. De todos modos gustaríame seguir sendo polivalente, e mesmo nadar tamén nos 100 metros, algo que supoño que chegará no seu momento, cando sexa algo máis maior. 

Comentarios