A nadadora galega realizou en Marsella unha espectacular actuación e xa conta con tres records galegos absolutos. Beatriz Gómez, do CN Galaico, becada no CGTD de Pontevedra, bateu as plusmarcas galegas absolutas nas probas de 800 m libre cun tempo de 8:33:32, de 400 m. estilos cun tempo de 4;44,60 e nas series eliminatorias de 100 m. bolboreta cunha crono de 1:03:40.
Comezaches noutros deportes. Como foi a decisión de rematar na natación?
A verdade é que fixen un pouco de todo. Baloncesto, judo, balonmán, aerobic, alén de realizar outras actividades como clases de música e de debuxo. Neses deportes comecei polas amizades que tiña nos estudos. Coa natación foi algo diferente. Mandoume o médico escoller entre ballet e natación e quedei coa segunda por ter curmáns que xa a practicaban.
Treinar e mellorar en resultados até mesmo chegar a participar nos XXOO de Londres. Cambiou a túa vida participar no maior encontro deportivo mundial?
Non cambiou nada, son a mesma. Foi como un obxectivo na vida que quería acadar. Estou máis satisfeita comigo mesma.
É moi dificil compaxinar estudos coa preparación deportiva?
Hai que poñerse, logo non é difícil. Outra cousa é cando marchas varios días de concentración ou de competición. Daquela é máis difícil. Logo teño que poñerme ao día.
Que sensacións tiñas antes de viaxar a Marsella?
A miña compañeira María Vilas e máis eu fomos probar. Levamos todo o ano treinando en piscina curta e non fixemos ningunha en longa, non sabiamos como sería. Dar o máximo para tentar realizar as mellores máximas e estar perto das mínimas. Puxémoslle moitas ganas e saiu moi ben.
"Quixen dar o máximo para tentar realizar as mellores máximas e estar perto das mínimas"
Motivou estar a carón de Mireia Belmonte?
Si. Motivoume moito. Tirou e tentei collela nos últimos metros.
Como se chega a rebaixar tantas marcas en pouco tempo, a superarse?
O maior esforzo é psicolóxico. Se non estás ben psicoloxicamente non serás capaz, por moi ben que estés fisicamente. Eu saín con moitas ganas e había moito tempo que non competía nesas probas e era máis doado para min baixar.
O vindeiro desafío?
Agora no Open en Pontevedra, conseguir as máximas mínimas posíbeis. Se son todas, mellor, non?