O Cangas pide repetir o final do seu partido ante o Sinfín

Denuncia unha polémica decisión arbitral
O encontro rematou cun resultado de empate a 23 tantos. (Foto: Balonmán Cangas).
photo_camera O encontro rematou cun resultado de empate a 23 tantos. (Foto: Balonmán Cangas).

Último minuto da segunda metade, encontro entre o galego Cangas Frigoríficos do Morrazo e o cántabro Blendío Sinsfín, dous equipos directamente involucrados na loita pola permanencia nunha Liga Asobal -a máxima categoría do balonmán estatal- á que só lle restan tres xornadas por disputar. 

Cando o electrónico do Pabillón Municipal do Gatañal indicaba que restaban 27 segundos para o final do encontro, o portugués Jenilson Monteiro adiantou o conxunto local, subindo o 23-22 ao marcador. 

Todo apuntaba a un final feliz para os intereses galegos, pero, inmediatamente despois, o pivote visitante Ángel Basualdo deixou caer o balón no círculo central, o que aproveitou o cangués Mario Dorado para roubar a pelota. Non tardaron en chegar as protestas do banco visitante, o que conduciu a unha conversa entre o delegado federativo e os colexiados andaluces Visciarelli Lareo e Mendoza Roldán.

Para sorpresa de todas as persoas presentes no Gatañal, ordenaron a exclusión de Mario Dorado e a posesión do balón para o Sinfín, que non desperdiciou o escaso tempo restante para lograr o empate a 23 definitivo despois dun lanzamento de sete metros materializado por Nico Bono.

Decisión contra a normativa internacional

Inmediatamente despois comezou o traballo dos servizos xurídicos do Frigoríficos do Morrazo, elaborando un recurso que presentaron ante o Comité de Competición da Federación Española de Balonmán (FEB). 

No mesmo demandan a repetición dos últimos 27 segundos do choque ante as "graves irregularidades" cometidas polos colexiados Visciarelli Lareo e Mendoza Roldán.

Segundo a súa argumentación, no epígrafe 10.3 V do regulamento vixente indícase que "o lanzador -xogador que realiza o saque- non pode cruzar a liña da área de lanzamento -o círculo central- con ningunha parte do corpo até que o lanzamento se considere efectuado".

E, a diferencia do que di o texto, nas imaxes da televisión que o Cangas achega como proba pode apreciarse como Basualdo abandona o círculo antes de que se efectuase o saque, polo que os colexiados -aos que tamén lles esixen a apertura dun expediente disciplinario- deberían ter sancionado golpe franco favorábel ao Frigoríficos.

Comentarios