'Campo de estrelas' repasa en cómic a traxectoria do Compos

En cinco anos, a SD Compostela saltou da Terceira á Primeira División. O cómic 'Campo de estrelas' repasa os mellores anos do equipo.
Á esquerda, a portada. Árriba á dereita, César e Lito Vila, Gómez, Lueiro e Fernández, na presentación do cómic. Abaixo Iván Suárez.
photo_camera Á esquerda, a portada. Árriba á dereita, César e Lito Vila, Gómez, Lueiro e Fernández, na presentación do cómic. Abaixo Iván Suárez.

Esta tempada 23-24 fanse 30 anos do ascenso da SD Compostela a Primeira División. Con este motivo, o club, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, presenta o cómic Campo de estrelas, a incrible historia da SD Compostela. A banda deseñada, ilustrada e pensada por Iván Suárez, conta a historia do mellor momento do equipo compostelán.

O cómic baseouse no libro SD Compostela, 60 anos de sentimento branquiazul, escrito polos irmáns Lito e César Vila Baleato, que achegaron a documentación para o proxecto e colaboraron na súa realización. O cómic trata de amosar o feito histórico que protagonizou no seu día o Compostela, que en practicamente cinco anos ascendeu de Terceira a Primeira División do fútbol. “Pasou de ser un club humilde a chegar a competir na mellor liga do mundo”, lembra Lito Vila. De feito, o SD Compostela chegou a ser subcampión da Liga de Inverno.

Contar a historia con ilustracións

Nesta banda deseñada, aparecen as imaxes mais icónicas do equipo traspasadas a debuxo. Hai moitas referencias reais, por exemplo, a primeira ilustración que aparece despois da portada, e que bebe dunha fotografía moi recoñecida de Moure, un dos dianteiros do Compostela, cando o equipo alcanzou a promoción de ascenso. Estas reproducións literais son unha chiscadela a toda esa xente que recorda esas fotografías nos xornais e as imaxes na televisión, “os que somos seareiros do Compostela recoñecémolas”, di Lito Vila. A publicación conta con 18 páxinas ateigadas de ilustracións. Iván Suárez explica como foi o proceso: escribiu un guión a partir do libro dos irmáns Vila Baleato, seguindo a estrutura pero facéndoo máis sinxelo, porque o cómic vai dirixido a un público infantil e novo, e a partir de aí púxose a debuxar.

“Foi difícil porque tiña que condensar moito, tes que quedar cos momentos máis interesantes deses catro ou cinco anos”, expón. Mais tamén aparecen nestas páxinas algunhas anécdotas, como por exemplo que nos pequenos partidos que xogaban nos adestramentos o que perdía pagaba os pinchos de tortilla de despois. 
Estes detalles mostran como se foi formando unha pequena gran familia ao redor dos xogadores, os adestradores e o corpo técnico.

Páxinas do cómic 'Campo de estrelas'.
Páxinas do cómic 'Campo de estrelas'.

Unha iniciativa para todos os públicos

O obxectivo desta iniciativa é, segundo o xerente do SD Compostela, Miguel Fernández, “volver espertar a paixón dos seareiros, pero sobre todo chegar á xente nova e que saiban o que aconteceu aquí”. Que queden, así, coa súa historia, cos seus valores, e con todo o que o equipo fixo pola capital da Galiza. O libro pretende que as crianzas de Compostela saiban que o equipo, noutros tempos, tivo este esplendor e que se interesen por el e vaian tamén ao campo. “Que os rapaces vexan que un se pode ilusionar”, resume Lito Vila. E é que o Compos, agora en Segunda Federación, non hai tanto, chegou a subir meteoricamente a Primeira. “Hai que enganchalos para, por que non, repetir outra vez esta historia tan fermosa”, engade o escritor.

A banda deseñada diríxese principalmente ás novas xeracións, de aí a escolla do formato cómic. Iván Suárez explica que a linguaxe e o tipo de debuxo tiñan que adaptarse a un público infantil e xuvenil, pero "dándolle dimensión", pois é un libro para todos os públicos, “os que vivimos aqueles momentos en primeira persoa somos os que imos identificar esas imaxes e lembrar aqueles momentos tan doces que vivimos. A rapazada ao mellor ten escoitado esas historias dos pais ou os avós, e agora por fin teñen diante esas imaxes”, di.

Éxito na primeira tirada

A primeira tirada do libro, que puido conseguirse de balde, alcanzou os 2.000 exemplares. A idea, agora, é levalo aos centros de ensino da Galiza, incluso contando cos xogadores, para presentarllo ás crianzas. Por outra parte, o día 7 de xaneiro, no primeiro partido do SD Compostela do ano 2024, vaise repartir o cómic como “agasallo de reis”. Esta acción reiterarase nalgúns dos partidos que o equipo compostelán xogue na casa.

Ademais, tamén se agasallará coa publicación a toda persoa que compre calquera produto na tenda do club na Rúa da Raíña, en Compostela. “Atopámonos incluso con xente que quere compralo”, di Miguel Férnandez, “moitas persoas daquela xeración que viviron os momentos que retrata o libro queren revivilos nun formato diferente”. De momento, conclúe Fernández, o cómic está sendo todo un éxito: “Estamos un pouco desbordados pero moi contentos, e pensamos xa en aumentar a tirada”.


Iván Suárez: "Facer este proxecto tróuxome moitos recordos"

O encargado de deseñar e ilustrar o cómic Campo de estrelas, a incrible historia da SD Compostela foi Iván Suárez. Até o de agora, todos os traballos que tiña feito eran doutra temática, explica, así que este proxecto resultou distinto para el. “Foi un traballo moi divertido e encantoume facelo, isto ten moito que ver coa miña paixón polo fútbol”, comenta o ilustrador. Relata que desde sempre gustou deste deporte e practicouno. Ademais, Iván Suárez é de Santiago e a época dourada do SD Compostela cadrou coa súa xuventude. Recorda que daquela el tiña uns vinte anos e estaba estudando Belas Artes en Pontevedra.

“Facer este proxecto tróuxome moitos recordos, como o do partido do ascenso en Oviedo, que foi retransmitido pola TVG, e estaba eu só nun bar de Pontevedra pegado á televisión e celebrando con moita alegría”. Agora Iván Suárez traballa como profesor e da súa experiencia como docente saca que "ás veces dás por sentado que a xente sabe cousas e non as sabe, hai un salto xeracional moi grande". De aí que crea que é importante que as rapazas e rapaces coñezan a historia do SD Compostela "un equipo que estivo en Primeira División e que foi importante, que non se esqueza".

Comentarios