Campo da Feira vence en Laxe na segunda xornada da liga de billarda

A Liga Atlántica de Billarda, na conferencia noroeste, xogouse esta fin de semana en Laxe. A vitoria foi para Campo da Feira aínda que APB segue de líder na clasificación xeral.
A xornada xogouse no pavillón de Laxe polo mal tempo (Foto: LAB).
photo_camera A xornada xogouse no pavillón de Laxe polo mal tempo (Foto: LAB).

A segunda xornada da conferencia noroeste da Liga Atlántica de Billarda tivo lugar este domingo en Laxe, nesta ocasión no pavillón municipal como consecuencia das malas condicións climatolóxicas.

O Concello colaborou outro ano máis coa Federación Galega de Deporte Autóctono, Modalidade de Billarda, tal e como indican desde este organismo, cedendo as instalacións e entregando trofeos e diplomas, ademais difundir e espallar a voz da billarda na comarca de Bergantiños.

Vitoria agardada dun dos equipos favoritos

A competición tivo, de inicio,  dous favoritos ao título de equipos, APB e Campo da Feira. Os seus xogadores conseguían clasificarse para a fase de cruces e con puntuacións moi parellas. O triunfo por equipos decidiuse na final, ao chegar tres formacións con opcións de gañar a xornada.

Todo estaba en mans e palán de Óscar Ponte, Carolo e Bieito. Tal foi o apertado do resultado que se Bieito chega a gañar e Óscar cae á terceira praza produciríase un triplo empate a puntos ente APB, FEI e Lúa. Agora, a xeral queda con APB de líder con 9 puntos de vantaxe sobre FEI.

Na Categoría Absoluta, ganou Óscar Ponte de Campo da Feira de Paiosaco, segundo foi Carolo de Lúa de Forza Sanxenxo e terceiro Bieito de APB da Laracha. Na Categoría Feminina, primeira foi Raquel de Cochiqueiros de Cerceda, segunda Marisa de Lúa de Forza e terceira, Sonia de Cochiqueiros.

Na Categoría Infantil o gañador foi Kevin de APB, segundo Valentín de Filloas de Sangue da Coruña e terceira a súa compañeira de equipo, Virgi. 

En definitiva, nos podios houbo representación dos cinco equipos que participaron na xornada aínda que o triunfador foi Campo da Feira, seguido de Lúa de Forza e de APB.

Comentarios