Voleibol

O Campionato Galego abre a tempada de vólei das crianzas

A súa primeira parada será o sábado en Narón.
A proba xira arredor das pre benxamín, benxamín e alevín. (Foto: FGV).
photo_camera A proba xira arredor das pre benxamín, benxamín e alevín. (Foto: FGV).

O salón de actos do Concello de Narón acolleu a presentación oficial da nova edición do Campionato Galego das categorías benxamín e pre benxamín, así como da Copa Alevín, torneos que se desenvolverán ao longo do próximo sábado, día 27 de xaneiro, nos pavillóns do Campo da Serra e da Solaina entre as 9.30 e as 20 horas.

Esta é a primeira parada dun certame que terá tres entregas máis. Trátase, como destaca a Federación Galega de Voleibol (FGV), "do máis numeroso do noso vólei", e ten, como principal finalidade, ser a primeira toma de contacto coas competicións "para os máis pequenos e pequenas da Galiza".  

O organismo federativo estima, sempre tendo en conta que aínda permanece aberto o prazo de inscrición, que neste 2024 "melloraranse" os números do ano pasado, no que máis de 360 participantes de toda a Galiza distribuíronse en 70 equipos distintos ao longo dun total de 150 encontros nas tres anteditas categorías de idade.

Nesta ocasión, o Campionato Galego Pre Benxamín e Benxamín, así como a Copa Alevín, constarán dunha primeira fase na que as escuadras dividiranse en grupos para que posteriormente os mellores clasificados de cada un deles midan forzas polos primeiros postos nas eliminatorias.

Cada conxunto obterá unha puntuación para o seu club segundo a táboa clasificatoria, e coa suma do total das probas os oito mellores xogarán a fase final, que terá como premio unha praza para ser parte do Campionato de España.

Durante a presentación, na que estiveron presentes o concelleiro de Deportes de Narón, Ibán Santalla; o secretario da Federación Galega de Voleibol, José Ramón Baña; e a presidenta do Club Narón-Volea, Eva Romero, o representante da FGV agradeceu a "colaboración" e o "traballo" das outras dúas entidades implicadas, pois sen elas sería "imposíbel" este "gran evento deportivo que servirá para abrir a tempada 23/24 para as categorías benxamín e pre benxamín".

Premio para o Emevé

Sen saír do voleibol, a única formación do país na elite estatal, o Arenal Emevé, viu recoñecido o seu gran traballo durante a pasada xornada, na que derrotou por 0-3 o Santa Cruz nas Illas Canarias, coa inclusión de Lidia Filgueira no septeto ideal da xornada 15  da Liga Iberdrola.

Comentarios