Máis

Diversidade e ocio a través do deporte

A ría de Arousa acolle hoxe unha navegación en kaiak da man da asociación LGBT+ Facendo Camiño. A entidade procura a creación de espazos seguros para que todas as persoas poidan desfrutar do deporte e encontrar un lugar de reunión para compartir dunha forma saudábel. Desde voleibol até escalada e sendeirismo, Facendo Camiño constrúe un espazo aberto á sociedade. 
IMG_7174
photo_camera Actividade en Cangas da organización Facendo Camiño (Foto: Facendo Camiño)

O proxecto Facendo Camiño aínda non suma o ano de vida e xa pode dicir que está conseguindo facer na Galiza espazos máis inclusivos para o colectivo LGBT+ desde un prisma diferente e na procura da creación de espazos seguros para o desfrute e o lecer de todos e todas. Así, Ilan Azzoulai González, nado en Asturias, afincado durante un tempo en Barcelona e veciño de Vigo, decidiu importar á Galiza un tipo de organización xa existente noutros territorios para ofertar un espazo deportivo e cultural no que todo o mundo se poida sentir acollido.

Como el mesmo explica en declaracións a Nós Diario, a inspiración para a creación da asociación naceu da organización homónima Facendo Camin, unha entidade asturiana aberta a todas as persoas e que procura a integración e o respecto a partir da creación dun espazo seguro para a realización de actividades deportivas e o contacto coa natureza. Agora, Facendo Camiño busca seguir a súa estela. Como pon de manifesto Azzoulai, foron "varios meses dándolle voltas á idea" e, despois de proporlle o proxecto a máis xente, en outubro do ano pasado rematou por lanzarse el.  "Cando me mudei á Galiza vin que había moitas organizacións LGBT+, mais ningunha co enfoque no deporte", asegura Ilan.

Así, a pesar do seu reparo inicial  á hora de tomar a decisión de comezar co proxecto da asociación, condicionado por non ser el da Galiza e non sentirse coa "potestade de creala", a certeza da necesidade dunha iniciativa como esta foi impulso suficiente para enfrontarse ás dificultades de encabezar unha idea deste tipo, sen recursos, con moito traballo e un pouco ás cegas.

Malia todo, a satisfacción desde a organización é evidente, chegando a afirmar que "a acollida foi moitísimo mellor do que se esperaba". Tanto é así que todas as rutas propostas se enchen desde o primeiro momento, de aí a necesidade de estabelecer un límite de prazas que permita controlar o desenvolvemento correcto das actividades e facer máis sinxela a xestión das mesmas. De feito, explica Azzoulai, "algunhas das saídas que se fixeron abertas a todo o mundo, pensando que ao non levar guía non ía ser necesario límite de capacidade, fóronse un pouco das mans, chegando a xuntarse entre 70 e 75 persoas".

Una capacidade de convocatoria que demostra o interese e a necesidade deste proxecto cuxa única pretensión é "que isto siga funcionando igual de ben e seguir crecendo de forma estábel para poder chegar a máis xente e continuar sendo un impacto positivo para que as persoas non deixen de desfrutar". Algo que, polo momento, semellan estar a conseguir. Cun mínimo dunha actividade ao mes, a asociación vai crecendo, ampliando o seu público e mellorando a súa programación, mantendo sempre presente a pretensión da procura da diversidade e co obxectivo de satisfacer os gustos deportivos de todas as persoas asistentes, cuxas achegas axudan a decidir parte dos eventos.

Como destaca Ilan Azzoulai, "o sendeirismo é o buque insignia" do proxecto, algo que se ve reflectido desde o propio nome da organización nun xogo de palabras que non só serve como unha definición bastante precisa das súas actividades, senón que se entende como metáfora do avance da sociedade. 

O sendeirismo

Desta forma, a escolla deste deporte vén condicionada por considerala "a actividade máis sinxela, barata e accesíbel". Aínda que nos últimos tempos veñen de probar novas incorporacións dentro da súa oferta deportiva. De feito, hoxe desprázanse até o Illote de Guidoiro Pedregoso, na ría de Arousa, para somerxerse no mar e adentrarse no mundo do kaiak nunha actividade que, como contan, "ten moi boa acollida".

Desta forma, empregando o boca a boca e as redes sociais como principal medio de comunicación, é precisamente a través do Instagram que desde a organización procuraron levar a cabo unha enquisa que permitise adaptar os deportes ao que "á xente máis lle apetecía". Desde a escalada, até o voleibol praia pasando polo ioga. 
O importante é pasar un tempo agradábel en boa compaña e socializar. Desde a organización non dubidan, "o obxectivo do proxecto é crear unha comunidade e un espazo cómodo para o colectivo LGBT+ en deporte e que a xente desfrute das actividades deportivas".

Desta forma, reivindican tamén que en moitos casos a "situación ou a condición sexual das persoas" condiciona determinadas vivencias. Así, Ilan destaca que "hai moita xente do colectivo que quedou sen realizar certas actividades por homofobia, por falta dun espazo seguro, por determinados comentarios..." e, pondo como exemplo o seu caso, xustifica a capacidade deste tipo de organizacións para "reconciliarte" co deporte, chegando a asegurar que para el este tipo de propostas foron como "volver ser adolescente, desfrutar moitísimo, facer unha actividade con xente semellante a min e sen sentirme excluído nin discriminado".

A pesar dos medos do comezo, a iniciativa está a ser un éxito, o feedback é moi positivo por parte de todo o mundo e, alén dos temores iniciais de que se formasen grupos ou a incerteza de como reaccionarían as persoas asistentes, desde a organización, salientan que "o ambiente que se crea é súper san, todo o mundo fala con todo o mundo. Inténtanse facer paradas para comer, organizar xogos nas actividades para involucrar a xente...".

Precisamente por isto invitan todas as persoas ás que lles interese algunha das saídas que se ofertan a que non dubiden en apuntarse, remarcando tamén a presenza de persoas que acoden soas, argumentando con isto que "a xente decátase de que non é só que non haxa problema en vir só, senón que ese é un dos motivos de que se organicen estas actividades". Para iso, o que procuran é crear un espazo seguro no que coñecer xente dunha forma saudábel ao tempo que posibilitan achegarse aos lugares da contorna da Galiza nun ambiente "moi igualitario".

De momento, organizan o transporte entre os coches dispoñíbeis, contando tamén cun guía profesional que se uniu á iniciativa para aportar o seu coñecemento e bo facer. Ilan asegura que "no activismo LGBT+ faltan aínda moitísimas cousas, mais este tipo de proxectos fan un labor moi importante para visibilizar e normalizar", por iso seguen e seguirán Facendo Camiño.

Comentarios