Baloncesto

O Breogán recupera o pivote Jordan Sakho

Con 2,07 metros de altura e un físico impoñente, aos seus 26 anos regresa á Cidade da Muralla, onde militou durante a tempada 2021/22.
O congoleño vén do Murcia. (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera O congoleño vén do Murcia. (Foto: Leite Río Breogán).

Poderío interior para o Leite Río Breogán. O conxunto lucense, un dos dous representantes da Galiza na máxima categoría do baloncesto masculino estatal, a Liga ACB, non está realizando a tempada que soñou durante o verán, como acredita a súa condición de penúltimo clasificado na táboa con só cinco vitorias en 18 encontros.

Por iso, a directiva da escuadra celeste decidiu recorrer ao mercado, oficializando esta terza feira a adquisición dun vello coñecido, o pivote congoleño Jordan Sakho.

Con 2,07 metros de altura e un físico impoñente, aos seus 26 anos regresa á Cidade da Muralla, onde militou durante a tempada 2021/22, tempo no que anotou 4,7 puntos e atrapou 3,2 rebotes de media durante os 34 partidos que disputou.

Tras abandonar o Breogán asinou polo UCAM de Murcia, onde non contou con demasiadas oportunidades. Buscando os minutos que se lle negaban na formación universitaria -8,6 de media por encontro, nos que só logrou materializar 2,3 puntos e coller 2,2 rebotes-, o pivote solicitou a pasada semana a súa saída ao Consello de Administración, que aceptou a súa proposta.

Agora, Jordan Sakho buscará reverdecer vellos loureiros nun Breogán que necesita como auga de maio a forza que o caracteriza dentro do perímetro.  

Comentarios