O Breogán volve á ACB pola porta grande

A contundente vitoria en Granada (57-83) leva os lucenses de volta á máxima categoría.

O Breogán, a saír da zona baixa (Foto: Leite Río Breogán).

En maio de 2019 o Breogán descendía á LEB Ouro e tiña claro que aquela estancia non debía de prolongarse. Dous anos despois, os lucenses volven á ACB, á máxima categoría do baloncesto no Estado español.

O contundente triunfo en Granada (57-83) selou o ascenso. Batallado, loitado e merecido. O Covirán andaluz gañou o primeiro dos embates do playoff de ascenso mais o Breogán non baixou nunca os brazos e, na casa, gañou o segundo cruce. Ficaban as espadas en alto para este domingo, en terras granadinas, onde non faltou o alentou da afección galega.

E neste terceiro cruce polo ascenso, o Breogán non marrou. Impúxiose por 26 puntos de diferenza, cun inicio espectacular: aos poucos minutos ían gañando 3-21, un resultado alicerzado nas triplas: as primeiras cinco que se tiraron, encestadas.

O partido estivo sempre baixo dominio breoganista, que non deu marxe o Covirán para se ahegar no marcador e moito menos ameazar un e encontro no que os lucenses saíron máis concentrados e cun nivel de acerto en ataque moi alto.

Finalmente, 2 partidos de 3 para os galegos e o Breogán que volve ao máis alto.

Lugo, con apenas 100.000 habitantes, ten unha equipa de baloncesto no máis alto e un de fútbol en Segunda División. Ningunha outra cidade galega chega a ese nivel.

Ficha técnica:

Covirán Granada (12+17+13+15): Costa (13), Bropleh (5), Martínez (3), Murphy (7), Bamba Fall (8) - quinteto inicial-, Bortolussi (2), Rodríguez (6), Díaz (7), Iriarte (-), Gatell (2), Bressan (2) e Andriassi (2).

Breogán (29+20+19+15): Erik Quintela (10), Ahonen (13), Kacinas (3), Sollazzo (15), Larsen (9) -quinteto inicial-, Sergio Quintela (7), Arco (7), Aboubacar (1), Gutiérrez (2), Cruz (10) e Díaz (6).

Comentarios