Brais Dacal: "O ciclismo feminino galego estaba ferido de morte pola falta dun equipo profesional"

Coa memoria do inesquecíbel Xacobeo Galiza cada vez máis afastada no tempo, 2021 será o ano no que Galiza volva contar cun equipo ciclista profesional, mais esta vez será a quenda das mulleres, pois o Team Farto-BTC que dirixe Brais Dacal (A Coruña, 1992) dá o salto ao profesionalismo cun proxecto deseñado 
 
Brais Dacal, impartindo unha conferencia en Bos Aires. (Foto: Team Farto - BTC).
photo_camera Brais Dacal, impartindo unha conferencia en Bos Aires. (Foto: Team Farto - BTC).

Cales son os seus desafíos nesta primeira tempada no circuíto profesional?

O primeiro que queremos é, desde logo, conseguir que o proxecto se asente, que colla unha boa base para futuros anos, pero tamén pensamos en correr as grandes carreiras do calendario ‘World Tour’, como a Volta a Burgos, a Clásica de San Sebastián e, por suposto, a Volta a España feminina. Estes son os dous piares nos que cremos, así como en seguir desenvolvendo o proxecto da canteira de cara aos anos futuros.

Como se decidiron a dar o salto ao profesionalismo?

Xa levabamos varios anos co proxecto do equipo feminino, e vimos que tiñamos a capacidade para seguir medrando, pois cada ano íamos a máis, como puidemos comprobar o ano pasado, no que competimos nas carreiras profesionais a pesar de ser un equipo amateur. Este salto é imprescindíbel para seguir medrando, para non quedarnos atrás nesta carreira que iniciamos, e tal e como está o ciclismo agora, o máis sensato era dar este salto para así poder ter acceso a un maior calendario e unha maior visibilidade que nos permita evolucionar e non quedar estancados.

Este salto ao profesionalismo supón a consumación dunha longa traxectoria. Como e cando nace o equipo?

O equipo como tal, o club, nace a finais do ano 2011, mais ben como unha peña de amigos e amigas que saen ao monte a facer rutas e pasalo ben na bicicleta, sen máis aspiracións, até que arredor dos anos 2016-17 comezase a competir en categorías inferiores de estrada e a desenvolver o equipo feminino que en 2018 debuta no calendario estatal. A finais do ano 2018 foi cando me unín eu ao equipo, para lanzar o que sería a división Elite Sub-23 masculina, que non existía por aquel entón, e a mediados do ano 2019 foi cando quedou vacante a praza de director xeral e aproveitei a oportunidade para así desenvolver o proxecto do feminino até o día de hoxe.

Cales son as súas funcións concretas como director xeral?

Coordinar toda a actividade técnica do club, o aspecto loxístico, deportivo, financeiro... en resumo, ser a cabeza do equipo. Ademais, son o director deportivo, centrándome na dirección das rapazas na estrada, controlando a súa preparación, guiándoas tanto no deportivo como nos demais eidos... É un traballo moi completo que abrangue moitos ámbitos.

Como se sostén economicamente o equipo?

Cunha mestura de recursos privados de empresas e públicos de organismos como a Xunta e a Deputación de Pontevedra, que permiten que o equipo estea con vida. Este ano 2021 fomos quen de planificar o ano e de facelo viábel, pero por suposto sempre continuamos co labor de busca e captación de recursos, pois soster un equipo internacional é caro, e por iso tratamos de aumentar os nosos apoios. De feito, seguimos en plena campaña de captación de patrocinadores.

Afectou moito aos seus plans a irrupción da pandemia da Covid-19, xa non só no eido económico, senón en todos os demais?

Por suposto. As empresas que antes investían bastantes cartos en patrocinios deportivos, como os que recibimos nós, logo da irrupción da pandemia e as incertezas que esta creou fixeron que agora se aperten un pouco o cinto e sexan un pouco máis cautas antes de decidirse a realizalos e, polo tanto, isto significa que os equipos deportivos somos dos primeiros afectados. Pero, independentemente deste contexto, este era o momento adecuado de dar o salto adiante, de subir á división profesional, pois somos conscientes de que teremos bastante visibilidade e agardamos que isto represente un poderoso 'efecto chamada' para os distintos patrocinadores e que sexamos quen de captar máis recursos.

Que os motivou a realizar esta aposta tan decidida polo ciclismo feminino?

O proxecto cando empezou xa tiña un equipo Elite feminino e con énfase nas rapazas, pero comigo no equipo decatámonos de que o ciclismo feminino necesitaba un pulo moi grande, porque estaba ferido de morte. As ciclistas estaban desanimadas, porque non vían unha saída, non había un equipo referencia de alto nivel para acceder ás grandes carreiras, a canteira estaba bastante abandonada, porque poucos equipos tiñan mulleres nas súas canteiras, e moitos menos organizaban carreiras para elas. Entón decidimos que, como o ciclismo feminino estaba morrendo na Galiza, había que facer algo. 

Como tiñamos o noso equipo Sub-23, déronse as circunstancias para desenvolver este proxecto de profesionalismo, que será o que sosteña este deporte no país e que cambie unha situación de ferida de morte que aínda nos segue afectando, pois non hai tanto talento como debería e como desexariamos. Por iso tamén este proxecto está pensado a longo prazo, para desenvolver con el a canteira e que as mozas que veñen vexan que hai un equipo de referencia ao que chegar para que poidan desenvovlerse.

Comentarios