Un bon Lugo empoléirase ao play off de ascenso, mentres un mal Dépor cede a lideranza

Desigual xornada na Segunda División do fútebol estatal para as equipas galegas. O Lugo foi superior ao Zaragoza no Anxo Carro (1-0), mentres que o Dépor non estivo á altura das circunstancias na súa visita a Murcia (1-0).

Lugo
photo_camera Unha acción do Lugo-Zaragoza

O sábado, un Lugo intenso desbordou o Zaragoza e empoléirase ao play off de ascenso coa décima vitoria do curso. A equipa de Setién totaliza xa 37 pontos, a só cinco da lideranza da táboa.

O Lugo estivo espléndido e percutiu magnificamente polas bandas face un Zaragoza que en ningún momento estivo cómodo sobre o Anxo Carro. En realidade, só existiu unha equipa, a de Setién, excelente no manexo da bola, como adoita, e xenerosísima no traballo físico.

Non están prohibidos os soños no Anxo Carro

Tocou teito o Lugo? Difícil é sabelo, esta é unha equipa que está explorando os seus limites e que, como o Eibar, líder momentáneo da clasificación, está perfeitamente capacitada para, nunha Segunda División marcada pola igualdade estrema, esgotar a capacidade de asombro da súa freguesía. Non están prohibidos os soños no Anxo Carro.

Centrocampismo sen sentido

A historia do Deportivo en Murcia foi moi outra. Sen a bússola de Juan Domínguez, a equipa de Fernando só existiu as veces, tres ou catro accións na primeira metade, en que Salomão estivo en ON. Cando pasou a OFF, o Deportivo desapareceu, atrapallado por un centrocampismo sen sentido. Naufragou Rabello, excesivamente inmaduro para se botar a equipa ao lombo na dirección de xogo.

Cando Salomão pasou a OFF, o Deportivo desapareceu, atrapallado por un centrocampismo sen sentido

Na segunda metade, xa co 1-0 en contra no taboleiro de marcas, nado do enésimo gol a balón parado que encaixa o combo coruñés, o Deportivo só existiu en dous lances de Luisinho por banda esquerda. Escasísima bagaxe para unha equipa que, con esta derrota, cede a lideranza en solitario, que agora partilla, a igualde de pontos, co Eibar.

Comentarios