Boas sensacións no baloncesto galego: Obradoiro e Leite Río Breogán suman dous triunfos de ouro

Pleno galego na elite do baloncesto masculino
A escuadra lucense volve estar nos postos de acceso á Copa. (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera A escuadra lucense volve estar nos postos de acceso á Copa. (Foto: Leite Río Breogán).

Fantástica xornada para os dous representantes da Galiza na elite do baloncesto masculino estatal, pois tanto Monbus Obradoiro como Leite Río Breogán conseguiron superar os seus compromisos con vitoria.

Especialmente relevante foi o triunfo da escuadra lucense ante Valencia Básket (97-98), un rival directo na loita por unha praza na Copa, e logo deste resultado os de Lugo fechan o grupo de equipos que disputarían o torneo do KO, adiantando na táboa precisamente o conxunto levantino.

A chave do éxito celeste estivo no seu espectacular arranque, sacando petróleo da debilidade física dun Valencia que pagou non poder adestrar durante toda a semana pasada a causa dun gromo de Covid-19. Deste modo, o primeiro cuarto finalizou cun 19-29 favorábel ao Breogán, dez puntos de vantaxe que aumentaron en catro no tempo de descanso, ao que se chegou con 36-50 no electrónico.

O conto non cambiou no segundo tempo, e no terceiro cuarto o Leite Río continuou impoñendo o seu dominio, pero a pesar dos seus 25 puntos de renda os locais estiveron a piques de darlle a volta ao partido, mais os esforzos finais de Kalinoski e Bell-Haynes impediron a remontada local.

Un guión diferente, pero con idéntico feliz desenlace, foi o que seguiu o Obradoiro-San Pablo Burgos (101-94). Volvían xogar os da capital ante a súa afección un mes despois, e fíxoo cun partido que deixou o técnico do Obra, Moncho Fernández, "moi, moi, moi orgulloso". 

Especialmente porque, como destacou o preparador galego, os seus homes foron quen de dominar un eido do xogo no que o Burgos é "un dos mellores equipos da Liga", o rebote, capturando 21 en ataque por só sete dos visitantes.

Viaxe en balde do Baxi Ferrol a Euskadi

Menos sorte tivo a representación galega na Liga Endesa, a Primeira División feminina. Baxi Ferrol, logo de ter que desprazarse até Euskadi para xogar contra Kutxabank Araski, tivo que volver á Galiza antes de disputar o partido logo de que a Federación Española de Baloncesto (FEB) decretase a súa suspensión a causa dos casos positivos en coronavirus detectados no conxunto vasco. 

E, aínda que puido saltar á pista, tampouco tivo sorte o Ensino, que perdeu 82-65 co Valencia.

Comentarios