venres 30/10/20

Birutis, mellor xogador de setembro na Liga Endesa

birutis_mvp_setembro
O lituano promediou 19,3 puntos e oito rebotes en tres partidos (Liga Endesa)

O espectacular arranque de tempada de Laurynas Birutis valeulle ao pivote do Obradoiro o galardón de MVP Movistar do mes de setembro. O lituano promediou 27,7 créditos de valoración en tres partidos disputados, que supuxeron, ademais, as tres primeiras vitorias do curso para o conxunto compostelán.

Birutis foi elixido Xogador da Xornada 1, demostrando desde a súa estrea un altísimo nivel. Tras ese recoñecemento individual chega agora este, o primeiro MVP Movistar do mes da tempada. Naquel partido inaugural, fronte ao Fuenlabrada, alcanzou a impresionante cifra de 42 créditos de valoración grazas aos 27 puntos anotados (9/11 en T2, e 9/10 en TL) e 12 rebotes.

A súa alta capacidade anotadora viuse referendada na xornada 2 fronte ao Manresa a domicilio, achegando outros 14 puntos fundamentais para o segundo triunfo do Obradoiro na Liga Endesa.

E xa ante o Betis, o último partido disputado até hoxe, Birutis volveu brillar baixo os aros, especialmente o do rival. Malia ser o choque en que menos minutos estivo en cancha (24:39), tivo tempo abondo para anotar 17 puntos e capturar oito rebotes, que se traduciron en 25 créditos de valoración, chaves para o Obradoiro igualar o seu mellor inicio de tempada. Birutis promediou nestes tres partidos un total de 19,3 puntos e oito rebotes.

"Gozar cada minuto"

O MVP Movistar de setembro non ocultou a satisfacción persoal tras recibir o galardón. "É unha gran sensación. Este premio é un pulo para continuar a traballar aínda máis e aínda máis duro", aseguraba. "Foi moito tempo sen baloncesto, así que só intentei gozar cada minuto na cancha e poñerlle moita enerxía para axudar o equipo a gañar os partidos", engadiu.

Tras recibir o seu primeiro gran recoñecemento como xogador da Liga Endesa, Birutis non ten dúbida ningunha de cales han ser os seguintes obxectivos del na competición: "Só quero continuar axudando o equipo todo o que poida en cada partido".

Así é que o Obradoiro, co lituano liderando, foi quen de conseguir este parcial de 3-0 no arranque da tempada. Para Laurynas Birutis, as chaves do éxito do equipo de Moncho Fernández están claras. "Temos un grande espírito de equipo e pelexamos todos xuntos nos partidos. Só queremos seguir por este camiño e continuar competindo en cada duelo", sentenciou.

comentarios